Uns Cidade de Pontevedra para a historia

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

O persoal sociosanitario e Paula Dapena recollen os galardóns do 2020

20 ene 2021 . Actualizado ás 18:03 h.

É difícil que a humanidade volva vivir un ano como o 2020, no que, como afirmou onte o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), «vimos como literalmente se paraba ou mundo». Dificilmente haberá outra ocasión na que os Premios Cidade de Pontevedra, os galardóns que concede o Concello no día do seu patrón, SanSebastián , vaian estar máis pegados á actualidade e máis vinculados a uns feitos moi concretos, aínda que estes sexan da magnitude dunha pandemia. Por iso os deste ano son uns Cidade de Pontevedra para a historia.

Porque os premios esta vez non valoraron traxectorias persoais ou colectivas: recoñeceron por unha banda a vocación de servizo e a profesionalidade dun persoal sociosanitario que leva moitos meses en primeira liña de batalla fronte ao covid; e, por outro, a valentía e os valores dunha nova, a futbolista Paula Dapena, que cun sinxelo xesto como foi de darlle costas ao minuto de silencio por Maradona fixo moito máis por visibilizar o rexeitamento á violencia de xero que decenas de manifestacións, anuncios ou campañas.

No seu discurso, o alcalde destacou que tanto Dapena como o persoal sociosanitario «nos fixeron avanzar en momentos adversos e nos demostraron que a cooperación, o compromiso, a loita e a dignidade son valores imprescindibles para sacar o mellor de nós como sociedade».

«Somos un equipo», destacou a supervisora de Medicina Intensiva do CHOP, Ana Escudero , encargada de representar a centenares de compañeiros na cerimonia de entrega do premio.

O seu discurso emocionou aos asistentes en directo ao acto que se celebrou no Teatro Principal e a quen o seguían por streaming : «Nos anos que levo de profesión non vira a compañeiros exhaustos, impotentes, con medo e incerteza, con secuelas físicas, deshidratados e desmayados, pero tampouco vira tanta entrega, valentía, motivación e dedicación, tanto a nivel profesional como persoal, traballando ao límite, afrontando unha carga de traballo sen precedentes na atención a pacientes covid e sen deixar de lado ao resto de pacientes». Nunha situación tan complicada, afirmou, «aflorou o mellor de cada un de nós e crecemos como equipo, traballando todos a un tempo e compartindo incertezas e alegrías

Tamén tivo un recordo «para aos pacientes e as súas familias, que viviron situacións moi difíciles e dolorosas coa enfermidade e coa soidade á que nos obrigou esta enfermidade». E concluíu lembrando que para superar a crise «segue sendo imprescindible a responsabilidade, o esforzo e o apoio» de todos.

«No momento e no lugar»

Tamén resultaron emocionantes as palabras de Paula Dapena. «Tiven a sorte ou a desgraza de atoparme no momento e no lugar adecuado (...). A día de hoxe aínda non son consciente do que este xesto significou para moita xente, pero síntome moi orgullosa de facelo e de representar a todas esas mulleres que loitan contra a violencia machista día a día. Por iso considero que este premio non é para min, é para todas esas mulleres, as que dan a cara cada día, as que loitan polos nosos dereitos e por suposto, para aquelas ás que lles quitaron a voz e non se atopan entre nós».

Dedicou o premio á súa familia e ás súas compañeiras de equipo, «que tamén sufriron as consecuencias que este xesto tivo sen merecelo», e tivo un recordo moi especial para «Laura Redondo, que foi a miña profesora no campus de Pontevedra hai 5 anos, unha das mellores, por non dicir a mellor profesora que tiven en moito tempo, da que seguín aprendendo cada día fose da aula e que grazas ao que me ensinou tiven a confianza e o valor para facer este xesto e por iso, este premio tamén é seu».