Baixan os casos activos na área sanitaria polas altas, pero hai 48 novas infeccións

La Voz

PONTEVEDRA CIDADE

26 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Corenta e oito novos contagios confirmados por PCR. Foron os rexistrados nas últimas 24 horas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que segue cunha taxa de positividad moi alta, por amais do 17 %, a maior de Galicia. Segundo o informe oficial do Sergas, onte contabilizábanse 1.218 casos activos, 17 menos que o martes. Do total de contaxiados, 64 necesitan atención hospitalaria, un menos que o martes. Hai 58 pacientes ingresados en plantas de tres hospitais (50 en Montecelo, 3 en Quirónsalud e 5 no Salnés, en Vilagarcía) e seis graves na uci de Montecelo.

O resto de infectados por SARS-CoV-2, 1.154, teñen síntomas leves ou son asintomáticos e están en illamento nos seus domicilios baixo seguimento de persoal de atención primaria. Ademais, nas últimas 24 horas realizáronse 660 PCR, para un total acumulado de 86.332. Desde o inicio da pandemia, en marzo, curáronse case catro mil persoas, 3.917. Por contra, perderon a vida en hospitais da área 50 persoas.

Residencias e colexios

Pola súa banda, non hai cambios na residencia Pontevedra, de Vilaboa , que xestiona Caser e que mantiña onte 40 contagios, 29 residentes e 11 traballadores. Respecto dos centros educativos, na área hai 151 positivos e cinco aulas pechadas. Ás clases clausuradas nas escolas infantís de Poio , A Parda e Bamby en Pontevedra, e o CPR Sorrisos e Bágoas, da Illa de Arousa, súmase outra no CEIP Magaláns-Dorrón, en Sanxenxo .