Pontevedra volverá reclamar unha vía verde ata Arcade para unila coa que chega a Vilagarcía

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

CONCELLO DE PONTEVEDRA

26 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Pontevedra volverá reclamar o aproveitamento como senda peonil e ciclista do trazado ferroviario en desuso entre a cidade e Arcade. Nesta ocasión, solicitáronse entrevistas con responsables de Renfe e do ADIF, segundo indicou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Pontes (PSOE), que este venres mantivo un encontro con representantes da asociación Pedaladas.

A idea de Pontes é non só traballar en lograr a cesión desas vías en desuso senón mirar tamén cara ao norte da provincia. Máis concretamente, cara á vía verde que se inaugurou recentemente e que une os concellos de Portas, Caldas e Vilagarcía polo antigo trazado ferroviario. A proposta de Pontevedra é chegar a dar continuidade a esa vía verde desde Vilagarcía ata Arcade.

Iván Pontes destacou que son 17 os quilómetros que separan o centro de Pontevedra de Portas, e que a pesar de que nese tramo apenas hai vía férrea sen uso -só na Portela, Barro-, si se podería traballar nunha conexión peonil e ciclista a través do trazado do Camiño Portugués, de camiños forestais e doutras vías xa existentes que habería que acondicionar.

Ademais, o Concello quere aproveitar esta idea para incorporar dunha vez a antiga ponte do tren sobre o Lérez, xunto á praia fluvial, á rede de senllas municipais. Hai que lembrar que no seu día se formalizou a cesión desta infraestrutura sen uso ao Concello, pero o seu uso freouse debido á dificultade de darlle unha saída na beira dereita do río, xa que o túnel está cegado e existe un desnivel moi complicado de salvar ata a contorna do mosteiro de Lérez.

Desenvolvemento Sostible busca pór en valor a ponte e conectalo coa estación de trens ha través dunha senda ou un carril apto para ciclistas.

Doutra banda, na reunión onte con Pedaladas tamén se abordou a proposta da concellaría de Educación para dotar de aparcadoiros para bicicletas a todos os centros escolares de primaria. O Concello, anunciou o tenente de alcalde, Tino Fernández, porase en contacto cos equipos directivos dos colexios para ofrecer estas infraestruturas.

«Non nos agochamos: a nosa prioridade son as persoas e non os coches»

O concelleiro Demetrio Gómez Xunqueira saíu ao paso da contestación social e política que provocou o peche ao tráfico da rúa Reina Victoria , efectivo desde o pasado xoves e ideado para evitar aglomeracións nas horas de entrada e saída do IES Sánchez Cantón e facilitar que os alumnos poidan usar esta zona como patio de recreo.

Desde o punto de vista de funcionamento do tráfico, o concelleiro asegurou que «a noticia é que non hai noticia, xa que funciona correctísimamente». Subliñou que non houbo retencións importantes «nin case condutores despistados», e afirmou que a tenor dos informes da Policía Local, os únicos puntos de retención producíronse en Manuel do Palacio.

En canto ás críticas sobre se o goberno local usa a pandemia como escusa para tomar unha decisión política, como se afirmou desde o PP, Demetrio Gómez négao. «Non nos agochamos: a nosa prioridade son as persoas e non os coches, é un eixo central da nosa política que todo o mundo coñece e que converteu a Pontevedra nun referente». Asegurou que «segue a haber grupos políticos que aínda non entenderon que cal é a prioridade», e criticou que o PP prefira beneficiar aos vehículos. «Nós preferimos gañar espazo para as persoas, e se para iso os vehículos teñen que dar unha volta de 500 metros, pois o farán», concluíu.