Covadonga Salgado: «A bioluminiscencia da marea vermella pola noite é un reclamo turístico»

Marcos Gago Otero
MARCOS GAGO PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

CONSELLERÍA DO MAR

As manchas da Noctiluca scintillans son inocuas para os seres humanos

15 ago 2020 . Actualizado ás 14:38 h.

Augas avermelladas e laranxas causan sorpresa pola intensidade do seu colorido este verán nas rías de Pontevedra, Vigo e Arousa. Non pasan desapercibidas.

-Como se poden describir estes episodios que tinguen de cor a auga das rías?

-É un fenómeno totalmente natural e é unha marea vermella de libro. Nós sempre dicimos que o termo marea vermella está mal acuñado porque non sempre vai ligado a toxicidade, non sempre son visibles e non sempre son vermellas. Neste caso si é vermella, si é visible e cando falamos de marea vermella non temos por que asocialo con toxicidade, porque neste caso, non o está. É unha mara vermella libro que non ten toxina, que non presenta risco para a saúde pública.

-Que é o que a xente está a ver nas Rías Baixas?

-O que a xente está a ver é a presenza visual dunha proliferación en elevada concentración dunha especie que cambia a coloración da auga, polos pigmentos que posúe. É unha microalga, chámase Noctiluca e apelídase scintillans. Nós somos homo sapiens, pois a especies con nome científico teñen xénero e especie, nome e apelido, por así dicilo, neste caso é a Noctiluca scintillans. É unha especie moi común no verán, moi habitual nas nosas augas, porque ten unha marxe de temperatura de 10 a 25 graos, é un rango amplo. As augas teñen nutrientes agora, porque vimos dunha época de vento do norte, que cando se produce así hai un fenómeno que se chama afloramento, é dicir, afloran á superficie augas frías ricas en nutrientes, entón esta especie atopa aquí un hábitat adecuado con moitos nutrientes, cunha temperatura idónea, multiplícase repentinamente en elevadas concentracións e é o que vemos, esa cor avermellada.

-Que lle diría aos turistas?

-Que non é tóxico, de feito, case o 100 % dos polígonos de Galicia están abertos, non hai toxicidade nos bancos marisqueiros, Estamos nun momento optimo en canto a ausencia de toxicidade e en canto a produción. O que temos agora tamén é este visitante que podería mesmo ser un reclamo turístico. Noutras partes do mundo o é.

-Por que?

-Porque á parte desta coloración tan visible e atractiva durante o día, pola noite presenta bioluminiscencia. É o que lle chaman faísca de mar, mar de ardora. Entón é un fenómeno natural precioso e é moi difícil de ver e precisamente podémolo ter nas nosas rías, porque pola noite, co movemento das ondas, apréciase unha luminiscencia azul. Realmente é un reclamo turístico porque é un fenómeno da natureza, totalmente inocuo, pero é que ademais marea vermella durante o día e bioluminiscencia pola noite

-Cando a xente a ve na praia, pode bañarse no medio dese auga coloreada?

-Si, poden bañarse, o que pasa é que esta microalga ten un aspecto gelatinoso, é bastante grande porque pode chegar a ter dous milímetros de diámetro, redondita, con aparencia globosa gelatinosa e podes notar que non é se cadra moi agradable. Pero non ten ningún tipo de risco para saúde. É máis, moitas veces a xente pola noite móvese na auga para que ese movemento do mar provoque a bioluminiscencia.

-E para quen lle gusta o marisco, que lle podemos dicir para que o coman tranquilos?

-Podemos explicar por que crecer tan rico o marisco aquí e ten tan boa calidade, pois por eses episodios precisamente de afloramento. Con réximes de vento do norte, afloran estes nutrientes e é unha riqueza que nos converteu na principal rexión produtora de moluscos de Europa. Desde o Intecmar, ademais, exércese un control todas as semanas do ano. Nós ademais de muestrear os moluscos, vemos que microorganismos están na auga e o seu impacto. No caso da noctiluca non hai perigo.

«Hai que adquirir produtos polas canles legais, porque son os que teñen garantías»

Para Covadonga Salgado, a marea vermella causada pola microalga Noctiluca scintillans en particular é «un agasallo da natureza» da que podemos gozar os cidadáns.

-Hai momentos en que estas manchas son laranxas, noutras ocasións vermellas e mesmo marróns. Atopámonos ante a acción de distintas especies?

-Atopámonos ante a mesma especie que é a Noctiluca scintillans. O que pasa é que a composición da auga nunha zona ou na outra da ría varía e iso pode facer que haxa diferentes tonalidades, pero sempre estamos a falar de Noctiluca vermella, é dicir, o que podemos ver son cores que van no rango do vermello alaranxado

-A marea vermella por esta especie é inocua para os humanos, pero a actividade furtiva, que exerce o home si pode causar problemas. En que se debe fixar o consumidor ao comer marisco?

-Hai que adquirir produtos polas canles legais, é dicir, os que teñen garantías. Hai que evitar que alguén che venda moluscos porta a porta, porque é un risco, xa que é un produto que non pasou polas canles de comercialización, perdendo a trazabilidade co furtivismo. Baixo esa aparencia de falsa frescura o que hai é unha práctica furtiva que pode ser moi perigosa para a saúde e ademais tamén para o mantemento da especie. Cando falamos de moluscos, é o único caso en que na natureza temos un recurso que vai chegar a ser alimento e que debido aos seus riscos as autoridades competentes teñen que ter controladas as zonas de produción. Iso non se dá en ningún outro lado.

-Por que?

-Porque os moluscos son animais filtradores. Isto quere dicir que como se alimentan por filtración todo o que poida haber na auga poden chegar a acumulalo e estamos a falar de metais pesados, de contaminación química por hidrocarburos, ou o que é máis habitual, episodios de toxicidade que son fenómenos naturais, si, pero que nalgúns momentos determinadas especies de microalgas poidan producir toxinas que supoñan un risco da saúde do consumidor. Polo tanto, témonos que fixar en adquirir produto polas canles legais: supermercados e puntos de venda. Temos que ver que veñen embolados coa etiqueta do establecemento, esa é a garantía de que hai unha trazabilidade e de que hai uns controis detrás.

«Este é o momento idóneo para este fenómeno mariño»

O Intecmar leva a cabo, entre outros labores, unha constante supervisión dos distintos fenómenos asociados a mareas vermellas en Galicia.

-Desde cando notaron este fenómeno nas Rías Baixas?

-No Intecmar, nós levamos vendo que hai Noctiluca na auga desde mediados de xullo e estámolo reflectindo nos informes. Estaba xa presente desde o 20 de xullo e ha ir aumentando en intensidade na semana do 27 e nas do 3 e 10 de agosto. Por iso estamos vendo estas manchas, pero hai que lembrar que a Noctiluca forma parte do alimento dos moluscos e non provoca toxinas. É unha marea vermella de libro, ten bioluminiscencia. Faise un control que está presente durante todo o ano, día a día, e os informes son públicos na páxina web do Intecmar. Veciños e visitantes non teñen que preocuparse, todo o contrario. Galicia é a principal rexión de produtores de moluscos de Europa e temos un monitoring que é exemplo no continente.

-A súa abundancia é un síntoma do bo estado de saúde da auga?

-Pois si, porque é que hai nutrientes. O vento do norte é como quen abre a fiestra para ventilar os cuartos dunha casa. Co vento do norte na ría hai circulación da auga e entón aparece este fenómeno natural. É o momento idóneo.

-En que rías está a verse esta marea vermella este verán?

-Principalmente nas rías de Vigo e Pontevedra. Empezamos a detectalas nas bocas, na estación que temos en Ons, na da boca de Pontevedra, na de Samil. Agora que aí atrás houbo un pouco de relajamiento e soprou algo do vento do sur, está á marxe das correntes de auga. Estamos a ver en puntos máis ao fondo da ría por exemplo Bueu ou preto de Tambo.