Jesús Ramos: O comodín que sempre lle resulta ao primeiro equipo

La Voz

PONTEVEDRA CIDADE

CAPOTILLO

Volve sentarse no banco do Pontevedra

19 feb 2020 . Actualizado ás 19:17 h.

Cando Jesús Ramos colleu o banco despois da saída de Luismi ensinou ao persoal a crer en se mesma para saír da mala dinámica na que se atopaban e para acougar as augas revoltas que deixa unha destitución. O seu breve paso polo banco granate demostrou que iso que inculcara non era a sorte do adestrador novo, senón o resultado dun cambio de chip. Rescatou ao persoal en outubro e ese ronsel que deixou como rescatador perséguelle ata hoxe, ao volver recibir a confianza de Lupe Murillo para salvar ao Pontevedra.

O club tira dun home da casa que coñece o pasado e traballa cos xogadores do futuro. Como coordinador da base viu pasar a moitos canteiráns que buscaban un oco no primeiro equipo. É un home de fútbol, pero sobre todo é un home do Pontevedra, da casa. Man dereita de Luismi no xuvenil e no primeiro equipo viu como este saía e volvía converterse na sombra de Carlos Pouso sen levantar a voz. Agora será el quen faga a sombra.

A diferenza de outubro, está obrigado a demostrar que o que conseguiu ante o Celta B e o Melilla non foi froito da casualidade do interino. Sacou a praza fixa no banco granate e ten moito traballo antes de que acabe a tempada. Converteuse no comodín máis rendible para o Pontevedra, ao que este ano lle valeu máis que un máster en fútbol. Agora queda pendente saber se aprobará o exame final. Para iso haberá que salvar a tempada dun equipo que nas últimas xornadas camiña cara ao precipicio. Necesita dar a inxección de moral definitiva.