O snack pontevedrés creado por accidente

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

CAPOTILLO

O aperitivo, con curiosa historia detrás, está totalmente feito con froita e resulta crujiente e saciante

13 feb 2020 . Actualizado ás 10:42 h.

A cousa empeza da mellor dos xeitos. Alberto Lendoiro, o creador dun snack elaborado con froita que empeza a abrirse paso no mercado, recibe no seu pequeno obrador da rúa Fernando Olmedo de Pontevedra. E desde a entrada cheira tanto a mazá que un se imaxina que dentro hai unha ristra de avoas facendo compota por xunto. Pero non. Dentro hai, efectivamente, unhas caixas de mazás vermellas, algunhas máquinas, un forno... pero o que desprende esa descomunal fragrancia son uns rolos diminutos cuxo tamaño é inversamente proporcional ao seu sabor e cheiro. Trátase dos Fruìtah!, os aperitivos naturais e saudables que pariu a imaxinación e o tesón de Alberto; un produto que ten unha curiosa historia detrás.

Todo arrinca nunha gasolineira portuguesa, situada nalgún incerto entre Lisboa e O Porto. Alberto Lendoiro, que dedicou parte da súa vida laboral ao mundo inmobiliario, estaba coa súa filla de viaxe e parou nunha estación de servizo. Entón, descubriu «unha especie de chips feitas con froita». E acendéuselle a lámpada: «Pensei que eu tiña que crear algo parecido, porque me gusta moito a montaña e sempre quixen ter un snack san para levarme, que fose doado de transportar... e porque me pareceu que aquilo estaba moi rico».

De regreso a Pontevedra, comezou a darlle voltas á cabeza e a formarse. Leu e investigou sobre froitas, sobre como facer purés con elas ou como deshidratarlas... Participou en distintos talleres e iniciativas, como un coworking en Vilanova no que empezou a ver que esas ideas tolas que lle ían xurdindo talvez non o fosen tanto e, quizais, poderían ser o inicio dun proxecto empresarial. Paralelamente, montou unha especie de laboratorio no que empezou a facer mil e unha probas. Elaboraba purés de froitas e os deshidrataba. Ri ao lembrar as mesturas que chegou a facer. «Unha vez puxen melón con kiwi e o resultado foi desconcertante... aquilo sabía a sardiña asada», indica. Foi descartando sabores e máis sabores ata dar cun que lle convenceu: a mestura de mazá -nun 85 %- con kiwi -nun 15 %-. 

«¡Non crujían!»

Co sabor xa decidido e proceso de deshidratado en marcha, foi elaborando unha especie de barritas, parecidas en aspecto a un chicle, feitas con froita. Gustaban a quen as probaban. Pero Alberto cría que lles faltaba algo. «¡Non crujían!», confesa a voz de berro, lembrando a desesperación por atopar un snack que realmente fose crujiente «porque así teñen que ser os snacks». Nesas estaba cando, de súpeto, cometeu un erro. Deixou acendida unha máquina e prolongou un proceso de deshidratado. Cando chegou, no canto de estar os seus barritas, topouse unha especie de conos ou rolos. Meteunos na boca e quedou de pedra: «¡Crujían!».

Soubo ao instante que non había volta atrás; que tiña que volver empezar, porque as barritas xa non servían e porque eses rolos si eran o produto polo que el quería apostar. Certificouno cando o deu a probar en foros como a feira Pont-Up Store e descubriu que encantaban. E así naceu Fruìtah!.

Alberto Lendoiro canta rápido as propiedades do produto. Para empezar, está feito con froita e punto. Non leva nin colorantes, nin conservantes, nin gluten nin nada de nada, así que entre a produción e o consumo pode pasar como máximo mes e medio. Ten os azucres naturalmente presentes na froita, as calorías non son elevadas e, amais , resultan saciantes. Ademais, como o seu tamaño é pequeno, resultan perfectos como snack de peto, para comer algo san a calquera hora do día.

De momento, Alberto o é toda na súa empresa, á que por certo bautizou como Natural Snack Lab. El produce, empaqueta e visita tendas ou bares para intentar colocar o seu produto. A ilusión é ampliar o persoal. Pero tempo ao tempo. Iso si, o plan está claro: «Se algún día podo contratarei xente maior que estea no paro», remacha.