A alma do coworking son as persoas

Mariem Filgueira OPINIÓN

PONTEVEDRA CIDADE

09 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Se alguén busca a palabra coworker en Google aparece «colaborador», e esta definición é perfecta, xa que o espírito é ese, o de colaborar.

Cando decidín crear Sherpa Empresarial, unha das cousas que tiña claras era que non ía camiñar soa, que me rodearía de persoas con valores e inquietudes similares ás miñas e que nos apoiariamos para acadar os retos que nos propuxésemos.

O primeiro que fixen naquel momento foi buscar un lugar onde compartir os soños, os días bos e malos, e as ideas que nos xurdisen. Tiven sorte, pois atopei Espazo Arroelo e isto cúmprese; e a pesar de ter proxectos na Coruña durante dous anos, o meu vínculo mantívose intacto ata que regresei.

Por que? A resposta é poderosa: creo que nun verdadeiro coworking a alma son as persoas e xerar vínculos entre elas. Esa é a miña filosofía tanto de vida como no ámbito empresarial, así que cando atopas algo así queres aproveitalo ao máximo.

Nun verdadeiro coworking séntesche libre de poder conversar, compartir, ser máis produtiva -xa que nos damos consellos moi valiosos- e iso é intelixencia colectiva. Sentir que formas parte dunha comunidade que se axuda e constrúe proxectos comúns, fai que a túa visión se amplifique e énchase de perspectivas diferentes que che facilitan novas posibilidades. Un exemplo do potencial que teñen estes espazos é que existen empresas que están a se inspirar na súa filosofía para crear lugares máis creativos e humanos dentro das súas instalacións.

Actualmente participo no podcast Arroelo1515; nel falo sobre aqueles aspectos que favorecen a convivencia, e que se poden aplicar a empresas, familia, amizades... porque á fin e ao cabo, relacionámonos continuamente con persoas cada día, e ser conscientes dalgúns aspectos como a confianza, a vulnerabilidade ou a comunicación poden axudarnos a manter relacións máis sas e a sentirnos ben connosco mesmas.

En resumo, unha vez que es coworker non queres deixar de selo.