Un mundo de receitas para un bufé de calidade

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

Alumnos de Dirección e Cociña do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra prepararon unha comida especial

17 ene 2020 . Actualizado ás 20:24 h.

Ata 42 receitas diferentes elaboraron este venres alumnos do ciclo de Dirección de Cociña e Servizos do centro integrado de formación profesional (CIFP) Carlos Oroza de Pontevedra no marco das oitavas xornadas dedicadas aos produtos con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida. Os produtos galegos compartiron escaparate con algunhas con esta distinción de calidade do resto do país. Moitos invitados puideron gozar coas propostas elaboradas polos estudantes. E que se puido comer no centro educativo? O abano é amplísimo.

Ademais dunha selección de queixos de diferentes comunidades españolas, dentro da DOP e IXP de Galicia preparáronse fabas con langostinos, peixe sapo con grelos, vieiras con parmentier, pataca rechea de lacón e queixo tetilla, polbo ao estilo da costa, fideos negros con mexillóns, crema de pataca e ourizos, xerrete con chícharos, coello con castañas ou pizza de polbo e queixo, entre outras. Dentro da DOP e IGP do Estado, puidéronse probar piquillos recheos, espárragos empanados, xamón ao corte, humus de garavanzo, tosta de sobrasada, brioche de carne con azafrán, lentellas estofadas, paella valenciana, tosta de tomate e queixo, arroz cremoso ao allo, croquetas de queixo ou fabas con xamón. Todo un mundo de receitas e de bo facer de alumnos que xa son uns profesionais, baixo a coordinación do profesor Ricardo Fernández Guerra.