O cume da ONU polo clima volve a súa mirada cara a Pontevedra

Serxio Barral Álvarez
Serxio barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

O Concello participará como relator nunha mesa redonda en Madrid en decembro

20 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Catro anos despois do último cume mundial polo clima impulsada pola ONU, que se celebrou en París en decembro do 2015, Madrid tomará a vez entre os días 2 e 13 do mes próximo. E do mesmo xeito que naquela ocasión, o Concello de Pontevedra foi invitado a participar. A subdirectora xeral de Urbanismo do Ministerio de Fomento invitou este martes ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) non só a asistir ao cume (como sucedeu en París no 2015) senón a ter unha participación activa, xa que se pediu a presenza do alcalde nunha mesa redonda sobre a achega das cidades á loita contra o cambio climático.

Ante a ausencia de Lores de Pontevedra -onte estaba en Madrid nunha reunión con responsables da DXT-, foi a portavoz do goberno local e concelleira de Promoción dá Cidade, Anabel Gulías, a que deu conta da invitación, que alegrou e sorprendeu no Concello case a partes iguais.

«Convidan ao alcalde a participar nun ha mesa redonda explicando o modelo Pontevedra -indicou Gulías- , como garante dun ecosistema urbano moito máis sustentable. Non so no plano ecolóxico, que entendemos que é o motivo principal polo que nos chaman, senón que nós queremos engadir que este modelo ten beneficios sociais importantísimos e beneficios para a convivencia no noso hábitat natural que son as cidades».

A concelleira non ocultou certa sorpresa pola invitación. «Estamos gratamente sorprendidos. É unha boísima nova para a cidade que cando se pensa en cidades que loitan contra o cambio climático se mire cara Pontevedra», insistiu.

Aínda non está concretada a data na que o alcalde asistirá ao cume polo clima, pero desde o Concello respondeuse afirmativamente á invitación cursada desde o Ministerio de Fomento.

No 2015, Lores acudiu a París por mor dunha invitación formulada desde a Fundación Bloomberg, que uns meses antes premiara en Nova York ao modelo urbano de Pontevedra. Naquela ocasión, Pontevedra foi a única cidade galega presente nun cume contra o clima na que participaron 400 urbes de todo o planeta, cuxos alcaldes asumiron o compromiso de ir máis lonxe na adopción de medidas para reducir a emisión de gases invernadoiro que o acordo que puidesen acadar os Estados asistentes.

O «Efecto PO2»

A cidade do Lérez ratificaba así o seu compromiso, que co paso do tempo frutificou no Efecto PO2, un programa municipal que busca «vincular a imaxe de Pontevedra coa súa transformación urbana e a revolución ecolóxica que supuxo coa aposta pola loita pola emerxencia climática, que hoxe está en boca de todos», apuntaba Anabel Gulías o pasado setembro, cando presentou a iniciativa coincidindo co Día Mundial do Clima.