«Aos nosos alumnos cústalles saír, os checos non teñen ese problema»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

RAMON LEIRO

Doce estudantes de Olomouc realizan prácticas de automoción e carpintería no CIFP A Xunqueira

05 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Que fan doce alumnos checos no centro integrado de formación profesional (CIFP) A Xunqueira de Pontevedra? A resposta é sinxela: ampliar a súa formación a máis de 2.500 quilómetros de casa. A estancia destes estudantes de 16 e 17 anos que proceden da cidade checa de Olomouc, en Moravia, enmárcase nun proxecto Erasmus denominado As prácticas de FP en España.

Segundo explicou este luns o profesor José Luis Entenza, son oito alumnos do ciclo de automoción e outros catro do de carpintería. Outro grupo de estudantes checos xa estiveran no CIFP A Xunqueira hai dous anos cando recibiron un premio nacional no seu país. «Os que acaban de vir estarán quince días acompañados de dous profesores. Son alumnos de segundo ano porque en Chequia a FP Dual é de tres anos e non de dous como en España», sinala o docente de Automoción. No centro educativo de Pontevedra asisten a clase polas mañás, combinando explicacións teóricas con prácticas. Tamén haberá tempo para realizar visitas culturais. Entre outras, estaban previstas a unha adega, a illa de Ons ou A Toxa.

«Na aula poden compartir espazo con alumnos nosos ou estar sos, e tamén fan prácticas no centro», apunta José Luis Entenza. Enténdense ben co idioma? «Eles falan moi pouco castelán, pero veñen con dous profesores e un fai de intérprete en inglés. De todos os xeitos, as figuras e fórmulas en termodinámica ou electricidade son internacionais».

O papel que xoga o CIFP A Xunqueira é ser o centro de acollida neste proxecto Erasmus. Que gañan eles?, pregúntaselle. «Un intercambio de experiencias grande, o coñecemento de que saír fóra é positivo e, por suposto, que o noso centro sexa coñecido a nivel de Europa». Este tipo de proxectos aúnan o aspecto técnico de formación, co cultural e o lingüístico. O docente de Automoción lamenta que no seu centro educativo non haxa máis alumnos dispostos a facer o mesmo que os checos. «Aquí non queren ir. Algún ano si, pero en xeral cústalles saír. Os checos non teñen ese problema e había máis candidatos que os doce alumnos que viñeron a ampliar a súa formación».