Adrián Mouriño debuta co Rápido un mes despois de deixar o Pontevedra

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

M.MORALEJO

13 oct 2019 . Actualizado ás 21:54 h.

Un dos xogadores granates máis queridos pola afección tívose que quedar fose do Pontevedra ao comezo da tempada. Adrián Mouriño non entraba nos plans do equipo para este ano e moi ao seu pesar, chegou a un acordo co club para a súa saída. Nun primeiro momento buscou opcións internacionais que lle permitisen abrir unha nova etapa porque o que non quería era estar parado. Mentres esa oportunidade non chegaba, comezou a adestrar co Rápido de Bouzas sen ficha. «Estou sen ficha, soamente quero adestrar ata que saia algo», dicía o interior.

Con todo, Mouriño era un vello coñecido do equipo despois de ter saído cedido a pasada tempada e a súa posible incorporación era case un segredo a voces que se confirmou este domingo. Os aurinegros advertían esta semana de que habería novidades no persoal antes do partido contra o Bergantiños e non defraudaron. Mouriño debutou xa no Baltasar Pujales cun rotundo 3-1 ante o Bergantiños.

O xogador porriñés non foi a única sorpresa do Rápido con raíces granates. O seu presidente, Manuel Seoane, anunciou tamén a volta de Pablo Carneiro para esta fin de semana. O Rápido recuperaba así a un dos seus dianteiros máis destacados e co que lograron o ascenso a Segunda B. O vigués tamén tivo unha etapa moi exitosa no Pontevedra, onde coincidiu con Mouriño.

O Rápido conta agora con catro xogadores exgranates como son os irmáns Barbeito, Pablo Carneiro e Mouriño, todos eles convocados onte no partido de casa contra o Bergantiños.