O CEIP Praza de Barcelos contará cun itinerario accesible

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

CONCELLO

O Concello de Pontevedra aproveitará a retirada do transformador para crear unha horta escolar e realizar melloras de eficiencia enerxética

04 oct 2019 . Actualizado ás 16:14 h.

O Concello de Pontevedra aproveitará a retirada do transformador de Fenosa (agora Naturgy) da entrada do CEIP Praza de Barcelos para dotar a este colexio público dun itinerario accesible. Ademais a concellaría de Medio Natural estuda a creación dunha horta escolar nunha zona verde anexa ao parque infantil, e a de Educación comprométese a realizar obras de eficiencia enerxética no centro. A proposta foi exposta este venres no transcurso dunha reunión que os concelleiros socialistas Tino Fernández e Iván Pontes mantiveron coa presidenta da ANPA O Galo, Axa Tilve. Respecto ao transformador, o Concello acaba de chegar a un acordo coa compaña eléctrica que deixa vía libre para que os servizos municipais poidan elaborar o prego de condicións para contratar o deseño do proxecto das obras. «Será cuestión duns meses e aproveitaremos a ocasión, unha vez se retire, para mellorar as condicións da entrada ao CEIP e dotalo dun itineario accesible», asegurou o edil de Educación.

O Concello tamén se compromete a deseñar un proxecto de mellora da eficiencia enerxética do centro educativo, así como a revisar o estado dos baños infantís, con vistas á súa reforma. Outra das propostas que xurdiu no encontro coa ANPA é a creación dunha horta escolar nunha zona verde anexa ao parque infantil de Barcelos. O concelleiro Iván Pontes apuntou que esa horta se enmarcaría dentro dun plan «de ordenación e racionalización deste tipo de cultivos participativos».