Lores: «Nesta cidade meten máis medo as bicis e os patinetes que os coches»

Serxio Barral Álvarez
Serxio barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

S.B.

O alcalde xustifica a implantación da «zona 10» porque «é de sentido común»

21 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«As rúas da cidade non son para correr, son para convivir, para mercar, para xogar, para pasear... Nunha cidade non se corre. Nin en bicicleta nin en coche. É de sentido común». O alcalde de Pontevedra. Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), ten claro que a medida anunciada esta semana polo seu goberno de implantar unha velocidade máxima de 10 quilómetros por hora nas rúas de plataforma única será ben aceptada polos condutores. Principalmente, porque nesas rúas nas que conviven peóns e vehículos motorizados «xa non se cumpre a limitación de 20 por hora: os coches van máis a modo pola presión peonil. En Pontevedra, os coches xa están amaestradiños».

Así, a «zona 10» está máis pensada para regular tanto o tránsito ciclista como de vehículos de mobilidade persoal, é dicir, patinetes e demais. E é que como afirma Lores, «nestas rúas de convivencia agora meten máis medo as bicis e os patinetes que os coches, por iso temos que tomar medidas».

Nun almorzo coa prensa para anticipar as liñas mestras do novo curso político, Lores insistiu na súa idea e cidade acougada, de tráfico «indispensable» e que sexa un motor de cohesión social e de dinamismo, que respecte o medio ambiente, que fomente a actividade económica e que contribúa á loita contra o cambio climático.

«Dende o Concello podemos chegar ata onde podemos chegar -asegurou o alcalde-. E a nosa obriga é facer que a cidade sexa más atractiva para o turismo, promover o comercio local facendo rúas más humanizadas e impedido a chegada de grandes superficies, mellorar os servizos para os cidadáns...».

Fernández Lores insistiu en que o modelo urbano non está esgotado. «A xente pide que chegue ata a súa casas, e neste mandato imos dar un pulo impresionante en Mollábao, en San Roque, en Loureiro Crespo. O modelo non está esgotado porque aínda non está rematado»,

Tamén aludiu o alcalde á campaña Efecto PO2, que será un dos eixos do mandato. «Moitos cidadáns non son conscientes do que levamos feito. Por exemplo, de que reducir o tráfico supón reducir emisións de gases e loitar contra o cambio climático».

«Estou contento porque vexo ao goberno activado e ilusionado»

Este curso político que acaba de iniciarse é tamén o do arranque do mandato municipal no que, despois de catro anos gobernando en solitario, Fernández Lores reeditou o pacto co PSOE e volve contar con concelleiros socialistas no seu goberno.

Neste sentido, o alcalde mostrouse máis que satisfeito do acordo acadado e do seu funcionamento. «Estou contento -afirmou- porque vexo a todo o goberno activado e ilusionado».

Xa concretando algunhas das cuestións que afectan directamente ás áreas de xestión dos nacionalistas, anunciou que o Concello contará con para «un corpo de inspectores» «detectar canto antes» calquera necesidade en materia de mantemento dos espazos urbanos; ou que segue habendo «contactos permanentes» coa Xunta para avanzar no plan de transporte e que pode haber novidades pronto.

Co lixo, como coa auga: que pague máis quen máis utilice o servizo

O novo contrato de limpeza é un dos «traballos esenciais» do goberno local para o actual mandato. Lores lembrou que, do mesmo xeito que sucedeu co de abastecemento de auga -que saíu a concurso hai un ano-, o contrato de lixos ten máis de vinte anos e que a cidade cambiou substancialmente neste tempo.

Aínda que é probable que a parte máis importante do contrato -a recollida de lixos, que ha de incorporar a compostaxe- non vexa a luz antes de dous anos, si se prevé que a curto prazo poida saír a contratación a parte de limpeza de dependencias, e despois o de limpeza viaria. «Temos que dar un salto de calidade importante -aventurou Lores-, porque a cidade ten máis xente, máis espazos públicos, máis zonas verdes».

É previsible que o servizo sexa máis custoso que o actual, pero Lores insistiu en que non entra nos plans do goberno local incrementar o recibo que pagan os cidadáns. «A nosa intención é rebaixar o recibo ou cando menos que non se incremente», sinalou, a pesar de que haxa que pagar máis á empresa.

Evitar o déficit

Como se consegue iso sen que o servizo sexa deficitario, que é un dos máximas económicas dos goberno de Lores desde fai vinte anos? Pois aplicando o mesmo que co novo contrato da auga: que pague máis quen máis utilice o servizo. No caso da auga, cobrarase por consumo. No do lixo, terán que pagar máis os «grandes produtores» de residuos. É dicir, hospitais, supermercados, restaurantes, hoteis... Por pór un exemplo, o alcalde citou que a produción de lixo da Cidade Infantil Príncipe Felipe equivalería á de tres mil usuarios domésticos.