«Desexolle ás rapazas que teñan valentía»

sara vila

PONTEVEDRA CIDADE

CEDIDA

Este fin de semana comenza o Canteira Fest. O festival chega a súa segunda edición cun cartel cheo de mulleres e encabezado por Sés.

19 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A cercanía, intimismo e reivindicación das súas letras converteron a Sés nunha das voces máis destacadas do noso panorama musical actual. A cantautora atópase inmersa na gravación do seu próximo traballo, o sétimo da súa carreira, que espera que vexa a luz «nun ou dos meses», pero esta fin de semana fará un pequeno descanso para actuar no Canteira Fest.

-Qué supón para vostede tocar nun festival como o Canteira Fest?

-Para min é unha honra tocar en calquera sitio, pero que se lle dea importancia a reividicar a figura da muller na música sempre é interesante.

-Gustaríalle que en España houbese máis festivais que apostasen polas artistas femeninas?

-As mulleres están máis invisibilizadas que os homes neste sector, e quen opine o contrario está equivocado, pero tampouco é positivo que só relacionemos a presenza feminina na música con este tipo de eventos. Está ben que sucedan, pero eu como muller podo ser, e son, cabeza de cartel onde só tocan tíos, e isto é o que temos que buscar. Non é unha cuestión de promover eventos sectoriais, senón de reclamar e conquistar o noso espazo en calquera evento, tanto dentro como fora do escenario.

-Acaba de sacar un novo disco. No concerto, tocará só as cancións de este último traballo?

-Vou tocar cancións de tódolos discos. Cando vou a un festival, nunca o tomo como unha presentación dun disco. O que busco é que a xente se divirta. O entorno do festival é lúdico, e o setlist ten que ir acorde.

-En Rabia ao silencio, adapta ao galego a referentes como Victor Jara ou Benedetti. Cómo xurdiu a idea deste disco?

-Xurde como unha homenaxe, unha débeda contraída coas persoas que me ensinaron a pensar, a saber que o máis importante é ser boa persoa e intentar loitar polas inxustizas. Era algo que tiña que facer e custoume un montón, porque para min estas persoas son o meu Olimpo persoal e traducilos era moi complicado. Foi moi difícil e, de feito, non vía a hora de terminar coa xira de presentación, porque equivocarme en calquera deses concertos era gravísimo. Aínda así foi moi gratificante, porque xente máis nova ca min conectou con eles.

-Dicía que estes autores axudáronlle a pensar. Vostede tamén busca iso coas súas cancións?

-Hai una lección moi sabia que é que se queres ensinarlle algo a alguén non lle tes que dicir o que queres que sexa, senón tes que ser o que queres que sexa. Cando escribo o fago principalmente sobre as miñas experiencias, e a xente empatiza porque ao final todos temos ás mesmas tristuras e alegrías. O que busco é escribir dende o que realmente son.

-Qué lle recomendaría ás rapazas que queiran levar a cabo un proxecto musical?

-O mesmo que lle recomendaría a calquera muller: que teñas a túa actitude. Hai que ser consciente que vas caer mal si tes a capacidade de facer o que queres e non o que queren de ti. É algo que tes que asumir, un prezo que tes que pagar. No que nun home considerase carisma e firmeza, nunha muller vaise considerar negativo: nunca valorarase igual a firmeza dunha muller ca dun home. O primeiro que lle desexo ás rapazas é que teñan valentía.