Mouriño: «Non valoro ningunha posibilidade que supoña saír do Pontevedra»

Nieves D. Amil
neves d. amil PONTEVEDRA

PONTEVEDRA CIDADE

emilio moldes

A pesar de que o club lle ofreceu outros equipos para saír cedido, o xogador descarta a día de hoxe outra alternativa

20 ago 2019 . Actualizado ás 09:56 h.

O Pontevedra leva unha semana intentando pechar o persoal con polo menos un par de incorporación máis. O centro do campo necesita un director de orquestra tras a marcha de Kevin Presa e, aínda que hai xogadores vistos, é necesario liberar unha ficha para poder contar con eles. Se alguén chega, unha ficha sénior ten que darse de baixa. Moitas miradas apuntan a Adrián Mouriño, un home da casa que o ano pasado saíu cedido en febreiro ao Rápido de Bouzas.

Foise coa promesa de que volvería e agora non quere nin oír falar doutra opción que non sexa vestir a camiseta granate. «Eu funme coa intención de volver, é onde quero estar, levo seis anos no club e deino todo por el, non hai mellor sitio para estar, é imposible. Sinto que se me quere», advirte Adrián Mouriño, que esta pretemporada se reivindicou con goles e xogo. «Atópome mellor que nunca, todo o que fago tómomo moi en serio, o ano pasado tiven que saír cedido, agora tócame dar ese plus para destacar aínda máis», recoñecía este luns o xogador granate.

Fuentes próximas ao club aseguran que nos últimos días ofrecéronselle distintas alternativas para que milite o próximo ano noutro club. Ata tres equipos tivo sobre a mesa para poder vestirse de curto na tempada 2019-20. Con todo, o xogador recalca que «non se me ofreceu ir a ningún outro lado, a miña situación é que teño que adestrar e gañarme o posto coma se fose o primeiro día».

Mouriño leva seis anos no equipo e é un dos xogadores máis queridos pola afección, pero despois de disputar 466 minutos coa camiseta granate a pasada tempada, o club envioulle en febreiro ao Rápido, onde se converteu nun habitual. Pero ese billete de ida, tiña unha volta. E agora, el non está disposto a baixar outra vez do carro granate. «Non valoro ningunha posibilidade que sexa saír do Pontevedra, traballo duro, moi duro, para conseguir facerme un oco, ao Pontevedra só podo estar agradecido e a presidenta é unha das persoas máis influentes da miña carreira», explica o mediocentro porriñés, que se mostra «ilusionado» co inminente arranque da liga. «Vexo este comezo con moita ilusión por parte de todo o equipo e tamén do club. O sábado xa hai que gañar, por historia e por ser o club que somos, temos que saír a gañar todos os partidos, o obxectivo do Pontevedra é aspirar ao máximo», recalca Mouriño. Da súa boca non sae nin unha só crítica nin un comentario negativo.

A situación hase posto complicada nas filas granates. A chegada un unha ficha sénior implicaría a baixa doutra. Polo menos esa é a teoría. Pero Mouriño cre que o centro do campo está ben cuberto con Berrocal, Álex Fernández e Sanna, que «supostamente veu para suplir a baixa de Kevin, pero eu estou centrado no meu».

Nesa aposta de futuro que ve o xogador de 31 anos non cabe botar a vista atrás, aínda que esta lle valese para coller impulso. «A miña cesión ao Rápido vino ben nese momento, díxome o míster que non ía contar moito ata final de tempada e o club quería asinar a outro xogador. Sempre botei de menos o Pontevedra e quero dalo todo por este club», advirte Mouriño ante a posibilidade de que exista unha nova opción de saír. Négase a iso. Recalca que a súa vida está aquí e o futuro está en levar ao Pontevedra o máis alto posible. «Ten os cimentos para facelo», despídese.