O CEIP A Xunqueira I reducirá o seu consumo de combustible e mellorará a eficiencia enerxética

O delegado territorial da Xunta visitou este martes as obras de reforma da sala de caldeiras do colexio


Pontevedra / La Voz

O mes de agosto aprovéitase en moitos colexios para acometer diversas obras con vistas ao próximo curso, que se inicia o 11 de setembro en infantil e primaria. É o caso do CEIP A Xunqueira I de Pontevedra, onde se executan traballos de mellora na sala de caldeiras do centro educativo. A actuación conta cun orzamento de 37.300 euros e avanza a bo ritmo, segundo sinalou este martes o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, que visitou as obras acompañado de responsables da Unidade Técnica da Xefatura Territorial de Educación. O obxectivo é que os traballos estean listos para o comezo de curso.

A actuación permitirá reducir o consumo de combustible e mellorar os parámetros de confort térmico. «Ademais a instalación tamén gañará en eficiencia enerxética, xa que así se poderán independizar vos emisores térmicos segundo a temperatura acadada en cada espazo», apuntou Cores Tourís. Segundo sinalou a Xunta, o proxecto supón a modernización do grupo térmico, a mellora do sistema de control e de distribución do fluído caloportador con bombas de circulación variable e a instalación de válvulas termostáticas nos emisores térmicos das aulas. Desta forma realizarase un control de temperatura en cada espazo do centro educativo. Tamén se instalarán purgadores automáticos en todos os emisores da segunda planta.

Desde a Xunta anunciáronse obras noutros centros do municipio de Pontevedra. En concreto, citou o comedor do CEIP A Carballeira, de Lourizán; Cabanas, en Salcedo; Marcón  e Vilaverde en Mourente. No caso do colexio da Carballeira, o feito de que o centro conte cun petróglifo que debe ser protexido atrasou o inicio das obras. No municipio de Pontevedra, a Administración autonómica investiu nos últimos anos 8,6 millóns de euros. Nos anos 2018 e 2019 executáronse obras como a reforma da pista polideportiva dos IES Sánchez Cantón e Frei Martín Sarmiento, o cambio da carpintería exterior da escola Crespo Rivas, e a reforma da instalación eléctrica do CEP de Campolongo, do CEIP Praza de Barcelos, do CEIP Álvarez Limeses e do CEIP Vilaverde de Mourente. 

Newsletter Educación

Recibe todas as semanas a información máis relevante sobre educación

Votación
0 votos
Comentarios

O CEIP A Xunqueira I reducirá o seu consumo de combustible e mellorará a eficiencia enerxética