Lores, ante a súa sexta investidura: «Non hai lugar para a relaxación»

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

Ramón Leiro

O nacionalista renovou a alcaldía co apoio do PSOE

15 jun 2019 . Actualizado ás 22:18 h.

Alcalde de Pontevedra desde 1999 e investido onte por sexta vez cunha ampla maioría, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), arrincou o mandato cun toque de atención ao seu novo equipo de goberno: «Non hai lugar para a relaxación ou o conformismo (...) Temos que seguir avanzando. Cara afora, para lograr consolidar mundialmente a marca Pontevedra; cara dentro, para dotarnos de solucións avanzadas e novidosas».

Lores gobernará os próximos catro anos en coalición co PSOE, que achega catro edís ao novo goberno local. Non é unha situación nova para o nacionalista, que xa pactou cos socialistas en tres mandatos anteriores (2003, 2007 e 2011).

O pleno de investidura estivo marcado pola ruidosa presenza, no exterior do Teatro Principal de Pontevedra, dun nutrido grupo de traballadores de Ence, a pasteira cuxa fábrica na ría está pendente dunha resolución xudicial sobre a prórroga concedida no 2016.

Neste marco, Lores subliñou que Pontevedra está ante «un novo ciclo». No seu discurso insistiu en que «soportamos as peores consecuencias dunha industrialización tardía con escasos beneficios, e comezamos tamén con atraso o tránsito a unha cidade post-industrial» que a pesar de ter «pendente o traslado da Celulosa», asegura que se ha ir completado «con tanto éxito que levou a Pontevedra a ser un referente mundial neste tipo de cidades de servizos, de innovación, de economía creativa, de calidade urbana».

Aí salientou que o modelo urbano, «famoso e recoñecido, aceptado e demandado pola sociedade», constitúe «a plasmación en clave progresista, de cohesión social e de confianza nas nosas posibilidades, deste ciclo de tránsito á cidade actual con elevada calidade de vida».

Non obviou no seu discursos os retos «grandes e ilusionantes» que ten por diante Pontevedra: desde adaptar a maquinaria administrativa «aos novos tempos» ata a revolución que prevé en vos ámbitos dos residuos urbanos ou o transporte.

Rematada a investidura, Lores celebrou unha xunta de portavoces e reuniu ao seu goberno e asinou a delegación de áreas entre os concelleiros de BNG e PSOE.