La gallega Jéssica Bouzas gana a Paula Badosa y avanza en el Másters de Madrid

Pontevedra aposta por sumarse ao bacharelato de excelencia

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

LAURA LÓPEZ

O Torrente Ballester solicitará o novo bacharelato, e A Xunqueira II estúdao

08 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Catorce centros educativos galegos imparten desde este curso 2018/2019 o novo bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, denominado Stembach. Ningún deses catorce institutos son do municipio de Pontevedra. Esta modalidade de bacharelato non atraeu a ningún centro público. O pasado ano as razóns que se esgrimían desde os equipos directivos eran a falta de profesorado implicado ou de alumnado necesario e certa precipitación por parte da Administración autonómica á hora de pólo en marcha.

Con vistas ao próximo curso 2019/2020 o panorama cambia en Pontevedra. Varios institutos teñen pensado solicitar á Xunta o Stembach. É o caso do IES Gonzalo Torrente Ballester, que está decidido a implantalo. A dirección do IES A Xunqueira II están inmersa nunha rolda de consultas entre o profesorado, aínda que non tomou unha decisión polo momento, segundo comentou este venres, o seu director, Juan Carlos Pérez Mestre. O IES A Xunqueira II é un dos centros pioneiros na comunidade autónoma en desenvolver o programa piloto Piteas, que despois de dous cursos permitiu mellorar todos os seus parámetros, segundo datos oficiais.

No IES Sánchez Cantón tamén tiñan certo interese polo Stembach, pero o seu director, Eladio Otero, apuntou que finalmente o máis probable é que non se solicite. «Estamos con tanto traballo, que non puiden falar cos do Club de Ciencia, pero paréceme que non», sinalou.

O resto de centros que imparten bacharelato decidiron non ampliar as modalidades deste ensino, segundo unha sondaxe realizada por este xornal. Caso dos IES Valle-Inclán, A Xunqueira I, Frei Martín Sarmiento ou Luís Seoane. No IES Luís Seoane, de Monte Porreiro, por exemplo, argumentan que só teñen un grupo de 20 alumnos e que cando fixeron a selección de modalidade e optativas non mostraron interese. Así o expón o seu director, Carlos García.

En que consiste este bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía? O Stembach enmárcase na estratexia Edudixital 2020 da Xunta, que busca favorecer unha conexión directa coa universidade, xa que os alumnos teñen que facer un proxecto de investigación individual ou colectivo, que terán que defender publicamente como sucede cos proxectos de fin de grao ou de fin de máster.

Formación extra

Os estudantes deste bacharelato de excelencia teñen que cursar unha materia extracurricular semanal -de dúas ou tres horas- e realizar actividades complementarias de formación como conferencias ou talleres. Esas dúas ou tres horas semanais téñense que impartir fose do horario lectivo. No caso do IES Torrente Ballester teñen decidido que, se llo concede a Consellería de Educación, serán os mércores pola tarde. A participación de alumnos e profesores é voluntaria. Para o equipo directivo deste instituto público o Stembach é «unha oportunidade importante» que queren aproveitar. «É unha oportunidade importante non só para o profesorado, senón tamén para o alumnado. Estes alumnos que o cursan en 1º e 2º de bacharelato teñen un plus e polo que sabemos por centros que xa o impartiron, eses coñecementos aprendidos son moi útiles para cando chegan á universidade», remachan desde a dirección do Torrente Ballester.