Última pachanga para despedir a tempada

La Voz PONTEVEDRA/ LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

Ramón Leiro

23 may 2019 . Actualizado ás 18:07 h.

O último adestramento do Pontevedra foi unha pachanga, como as que se fan na praia cos amigos no verán. A única diferenza era que o partidillo xogábase en Pasarón ante a mirada de catro fieis afeccionados.

O corpo técnico citara ao persoal ás 10.30 horas para unha sesión informal que selase o bo ambiente dunha tempada «notable». Ningún estaba no seu posto habitual. Coa metade do campo como terreo de xogo, os xogadores repartíronse para sacudirse estes últimos tres días sen actividade física e dar a benvida ás vacacións.

Xa é habitual que a sesión sexa así de informal. Os porteiros Edu Sousa e Rubén Ualoloca convertéronse en xogadores de campo, mentres nas porterías estarían Adrián León e Campillo. Ademais dos habituais, nos equipos tamén xogaba o corpo técnico e a dirección deportiva. Luismi demostrou que ademais de dirixir, aínda é capaz de resistir unha hora de pachanga. O director deportivo do club, Roberto Feáns, tamén se vestiu de curto para lembrar os seus vellos tempos de xogador e mesmo o fisio do equipo seguiu o balón, aínda que con menos acerto que o resto dos seus compañeiros.

Na banda agardábaos Mikel Arruabarrena, que algo tocado, non quería empeorar cunha partidillo informal e pór en xaque o verán e o seu futuro xa sexa en Pontevedra ou fóra dela. Relaxado e tranquilo agardou a que os seus compañeiros acabasen a pachanga para unirse a elas na foto de familia final. Cargaron a portería cara á bancada e fóronse polo túnel de vestiarios. A seguinte parada sería a oficina do club e unhas canas nun bar próximo para despedir o ano. Moitos deles querían iniciar canto antes as vacacións, mentres a outros quedaba sentarse coa dirección deportiva para falar de futuro.

O equipo comeza as vacacións de verán sen saber aínda cando se renovarán os adestramentos nin con quen o farán vestidos de granate. Quedan semanas de despachos. Agora é momento de descansar.