O Pontevedra se enchufa ao play off co equipo máis coral de cara a gol

PONTEVEDRA CIDADE

RAMON LEIRO

Os dianteiros granates só marcaron 16 dos 43 tantas desta tempada

23 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Pontevedra hase enchufado ao play off a base de xogo e sobre todo de resultados. Un refacho de cinco vitorias, a mellor do grupo 1, lévalle da man ao soño de poder xogalo. O éxito destes resultados teñen nome e apelidos. Empeza polo corpo técnico e segue cos xogadores, que fan un traballo coral non só no campo, senón que de cara a gol. Son o equipo da categoría con máis goleadores distintos, igualado só polo Navalcarnero. Ata 16 granates sumaron este tempada un tanto en liga.

A seca dos dianteiros durante gran parte desa segunda volta levou ao resto do equipo a dar un paso á fronte. Esa mala serie que xa rompeu Javi Pazos no partido contra o Coruxo non influíu para que o Pontevedra seguise ese meteórico ascenso. A catro partidos para o final de liga e co mellor rendemento de toda a tempada, os de Luismi souberon reporse ás debilidades que foi deixando a tempada. Se os dianteiros non atravesaban unha boa etapa, o gol chegaba desde máis atrás. Romay é o principal artífice desta reinvención goleadora. O de Malpica asumiu ese rol xogando máis adiantado e suma xa cinco dianas, a última esta fin de semana xunto a Borja Domínguez e Javi Pazos. O dianteiro pontevedrés rompeu o mal fario que cargaba desde o 6 de xaneiro e marcou nos dous últimos partidos, nun deles supuxo ademais o gol da vitoria.

Leste traballo coral deulle moitas alegrías e lévao ao podio do traballo en equipo dentro do seu grupo. Ese ránking de goleadores péchano o Fabril e o Rápido con só dez nomees propios entre os anotadores. Dos 43 goles a favor que leva o Pontevedra, só 16 chegan dos pés de dianteiros como Javi Pazos, Arruabarrena e Rivera, o resto de anotacións proveñen de mediocentros e defensas, como Campillo ou David Castro.

Rivais directos

O empate da Cultural a pasada fin de semana afastou aos leoneses un pouco máis do play off favorecendo ao resto de equipos, entre eles o Pontevedra, que con 59 puntos, está en cuarta posición a catro do Fuenlabrada, que lidera a táboa. Os granates dependen só de si mesmos para manterse nesa posición nos catro partidos que quedan, dous deles son ante rivais directos como o Atlético B ou o Castela, na última xornada de liga.