Entra en vigor a nova taxa a empresas de telefonía móbil sen ningunha alegación á ordenanza

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

23 abr 2019 . Actualizado ás 13:05 h.

Desde a semana pasada está en vigor a nova ordenanza municipal que gravará ás empresas de telefonía móbil con presenza en Pontevedra pola «utilización privativa e aproveitamentos especiais no solo, subsolo e vo da vía pública». É dicir, polo espazo público que ocupan estas empresas para prestar o servizo mediante a instalación de «antenas fixas, microceldas, redes ou instalacións que materialmente ocupen dominio público municipal».

A ordenanza entrou en vigor unha vez que se confirmou que non se rexistrou nin unha soa alegación durante o período de exposición pública. Desde o goberno local subliñouse onte que se deu traslado do texto legal ás catro empresas maioritarias no mercado da telefonía móbil na cidade. A previsión do Concello é ingresar algo máis de 176.000 euros anuais das empresas pola ocupación de 51.363 metros cadrados de superficie pública nas súas canalizacións, antenas e outras instalacións. As taxas correspondentes liquidaranse en xaneiro.

Esa ordenanza, impulsada polo grupo socialista, substitúe a outra que o Concello aprobou no 2009 pero, do mesmo xeito que sucedeu no resto de España, acabou sendo anulada pola Xustiza.