«Ofrecemos o noso coñecemento da pedra na reconstrución de Notre Dame»

Bibiana Villaverde
Bibiana villaverde PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

Santi M. Amil

Os canteiros chegaron a temer que a catedral de París colapsase polo «choque térmico»

18 abr 2019 . Actualizado ás 20:25 h.

Foi no grupo de WhatsApp que reúne a cerca dun centenar de ex-alumnos da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra e que conforman a Asociación de Canteiros de Poio onde xurdiu a proposta de ofertar os seus servizos na restauración de Notre Dame. «Non criamos o que estaba a acontecer e xurdiu a idea», rememorou onte Javier Diéguez Mosquera, vicepresidente deste colectivo, en Radio Voz.

-Coñecen se a súa mensaxe xa chegou a París?

-De momento, non temos coñecemento. O que si sabemos é que Carmela Silva, a presidenta da Deputación de Pontevedra, ofreceuse a contactar coa alcaldesa de París porque parece ser que se coñecen. Pareceunos moi boa idea, loxicamente. Se pode facilitarnos estes contactos, nós encantados.

-Que apoio precisan?

-Temos unha formación e temos uns coñecementos, pero precisamos axuda económica. Ofrecemos o noso coñecemento da pedra, que é único dentro da Península. A formación que temos é de cinco anos e non existe nada parecido en España. O canteiro galego ten esa fama e ese recoñecemento por ter a destreza de traballar cun material tan duro como é o granito. Materiais máis brandos facilitan o traballo.

-Isto é o que ofrecen, pero que necesitan?

-Sería unha cuestión a falar. Xa que o rei dixo que habería que colaborar en reconstruír Notre Dame, o Goberno español pode botar unha man e financiarnos para ter esa solidariedade con Francia.

-Pola súa experiencia, chegaron a temer que se viñera abaixo a catedral de Notre Dame?

-Si, polo choque térmico. Pode ser moi brusco e vese cando estala un vaso de vidro ao botarlle auga moi quente. A pedra podería facer o mesmo, podía estalar e virse abaixo todo.

-O presidente francés fala de cinco anos para a reconstrución.

-Creo que esaxera. Paréceme moi pouco tempo. Se se quere recuperar da maneira na que estaba, paréceme moi pouco. Son labores moi artesanais. Habería que traballar as pedras manualmente, como a carpintería. Iso si, se se reconstrúe ao xeito moderno podería ser posible.

-Pódese reconstruír como era?

-Non. Pódese facer unha adaptación. Teriamos que ir atrás no tempo para poder facelo. Vaise facer algo que sexa similar, pero temos que asimilar que hai unha perda e non a podemos recuperar.

-Ata que punto pode estar danada a pedra, as esculturas?

-A pedra pode estar afectada non só pola temperatura, senón tamén polo fume, polo que terá que haber uns traballos de limpeza. Teñen que ser moi delicados, non se poden facer de calquera maneira e probablemente algunha pedra estea rota.

-Como vai a cuestión da homologación?

-Saímos como mestres canteiros e non hai nada creado no instituto das cualificacións. Por iso, demandamos que se cree unha cualificación específica para esta formación. Hai cursos que poden chegar a seis meses que teñen máis recoñecemento que os cinco anos da escola. Cremos que unha profesión tan emblemática para Galicia ten que ter ese recoñecemento. Que se valore a artesanía e que se invista en restaurar o noso patrimonio.

-Quen ten que tomar nota da súa reivindicación?

-O ministerio e a Xunta. Tivemos un pleno na Deputación no que se aprobou por unanimidade instar á Xunta a que homologue o título de canteiro, pero, de momento, non contestaron. É algo urxente e que Feijoo prometeu hai anos electoralmente. Pola súa parte, o Ministerio de Educación ten que crear unha cualificación específica para mestre canteiro.