Non hai deserto verde

Ramón Reimunde OPINIÓN

PONTEVEDRA CIDADE

15 feb 2019 . Actualizado ás 20:43 h.

Estamos fartos de ler e escoitar falacias e medias verdades que esconden intereses ideolóxicos ou económicos, iso que se di en inglés “fake news” e antes chamábamos claramente trolas ou contos. Así ven de acontecer con un artigo que afirma que os

montes de eucalipto son un deserto verde, utilizando un termo científico para outro concepto e unha contradición en si, porque se é verde e vexetal non pode ser deserto.

Segundo eles baixo as polas dos eucaliptos non medra nada nin se escoita nada. Ben se ve que os ecoloxistas teóricos de Verdegaia ou Terra non van moito polos montes nin pagan por facer traballos de desbroce coma nós. Non hai máis que dar unha volta por calquera plantación de eucaliptos da Mariña ou Ortegal, saíndo das pistas e camiños, para comprobar que o sotobosque é frondoso, ás veces impenetrábel, onde medra o toxo, a silva, a folgueira ou felga, e que os montes conservan aínda alí vestixios das plantas autóctonas que seguen tendo querenza polo lugar, como os carvallos, castiñeiros, acivros, esbedros, abidueiras e saeiros nas zonas húmidas, ou acacias e piñeiros que nacen de semente.

E claro que se pode escoitar o canto dos páxaros, grilos e ras, e ver raposos, corzos ou xabaríns ou insectos. Así que deben estar xordos e cegos, e sen olfacto, porque os eucaliptais olen moi ben e son medicinais e saudábeis.

 

Montes de eucaliptos

Din que os montes de eucaliptos parecen bosques e non o son. E logo, que son? Son plantacións industriais, como todas, para producir o máximo de riqueza con unha boa

silvicultura sustentábel e obter materia prima para fabricar pasta de papel ou madeira

estrutural durísima. Mais tamén son bosques, porque teñen biodiversidade no sotobosque. O solo só aparecerá seco e desértico se é tratado con herbicida, como se fai con outras plantacións frutais ou ornamentais como as oliveiras, laranxeiras, amendoeiras, camelias, ou agrícolas, e ninguén di nada. E claro está que todos os monocultivos teñen un impacto ecolóxico non natural. Mais temos que escoller entre pasear ou producir. E por certo, debaixo das frondosas e coníferas, aí si que non medra nada, pois coa sombra e follas eliminan a competencia.

 

Ence

O bosque natural é bonito, si. Que hai demasiado eucalipto en Galiza, sobre todo no Norte, sabémolo todos porque ben se ve, uns mais que outros se temos que investir e traballar nos matos. Ence tamén o sabe e non mellora os prezos ante a inmensa oferta dispersa, aínda que a demanda para as súas fábricas de Navia e Pontevedra é grande, de mais de dez mil toneladas diarias, uns 400 camións. Con todo, sobran millóns de toneladas que non se cortan cada ano, o que indica que nos pasamos co eucalipto e que o plantamos en lugares inadecuados. Corríxese iso coa biodiversidade de especies e prezos máis altos.

A palabra deseucaliptización é desafortunada, como desratización. Indica erradicación. Ademais é imposíbel. En catro xeracións de corta o eucalipto desaparecerá só. Os montes de eucalipto do Norte non favorecen o absentismo nin o abandono rural, senón o contrario, porque son o único medio de subsistencia e produción económica en montes altos que non darían outra cousa rendíbel.

 

Favorecen a economía

E favorecen a economía dos millares que viven e gañan co negocio do eucalipto, empresarios do país, motoristas, transportistas, servizos, talleres e casas de comidas. Non están abandonados pola conta que nos ten, porque son algo valioso que se coida, aínda que podían estar algo máis limpos e protexidos dos incendios da súa biomasa, o que indica unha vez máis que non son un deserto.

Resulta cansativo ter que rebater todas an anteriores opinións falaces. Porque por moito que digan e denuncien ante tribunais, o eucalipto glóbulos chamado do país, non é planta invasora nin ten debaixo un deserto, senón un oasis marabilloso, nesta parte do planeta onde o producimos mellor e nos permite sacar rendibilidade dos montes.

Un oasis que tamén é un gusto entre tantos sinsabores no mundo rural.