Os rivais directos fan un favor ao Pontevedra


pontevedra / La Voz

O Pontevedra tiña todo para gañar en Pasarón. Bastou un minuto para que o castelo se desmontase como un xogo de construcións infantil. Un gol no último minuto aniquilou ao equipo que xa vía cara arriba na táboa. Luismi non quixo facer cábalas nin contas ao acabar o encontro, pero os rivais directos, que se enfrontaban entre si a pasada xornada, botaron unha man de ouro aos granates.

Os resultados deixaron a clasificación case intacta para poder coarse nos postos de play off. Só Fuenlabrada e Atlético B escápanse un pouco máis no primeiro e segundo posto, pero o cuarto segue aberto a calquera invitado dos que perseguen ese obxectivo. A vitoria do Sanse sobre a Ponferradina moveu a terceira e cuarta praza ao dar un empuxou os madrileños ata o terceiro lugar.

O Pontevedra segue en sétima posición con 37 puntos a tres de poder tocar o play off, exactamente igual que a semana pasada. Nestes sete días cambiaron os donos de cada praza, pero non se fixo un dano insalvable aos intereses granates. Iso si, os de Luismi deben pórse as pilas nas próximas xornadas, ás que ademais, chegarán tocados. Visitan a casa do Celta B, pero logo entran en dúas semanas decisivas co Fuenlabrada en casa e a Ponferradina fose. Xa non vale puntuar só en Pasaron, escenario que, ademais estáselle atragantando nas últimas xornadas, non tanto co resultado como polo xogo.

A dubidosa arbitraxe do domingo deixará a Luismi sen Nacho López, por acumulación de cartóns e sen Álex González, que foi expulsado contra o Internacional. O técnico terá que volver facer un quebracabezas co once inicial para visitar o campo de Barreiro o próximo fin de semana en Vigo. Polo menos David Castro volveu onte aos adestramentos e podía estar en condicións de xogar o domingo. Non ocorrerá o mesmo con Álex Fernández, que aínda que onte estivo na sesión de Cerponzóns, estará de baixa máis dun mes pola subluxación do ombro esquerdo.

Aos granates ábreselles agora un calendario moi esixente ao xuntarse a Liga cos partidos de Copa Federación. Mañá volverá xogar contra o Cornellá no partido de volta de cuartos de Cópaa Federación, onde os granates terán que remontar o 1-0 da ida. O encontro estaba previsto para as 18.15 horas e finalmente será ás 20.15 horas.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
0 votos
Comentarios

Os rivais directos fan un favor ao Pontevedra