Píllano roubando no convento de Santa Clara e di que entrou só para rezar

Alfredo López Penide
lópez penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

cedida

O xuíz imponlle once meses de prisión por desvalixar os petos do cepillo do templo e forzar a porta cun desaparafusador

12 feb 2019 . Actualizado ás 10:37 h.

Un veciño de Pontevedra acaba de ser condenado a once meses de prisión por desvalixar os petos da igrexa do convento de Santa Clara. A Xustiza, ademais, considera que non ten cabida a suspensión da pena imposta por un delito de roubo con forza nun establecemento aberto ao público en grao de tentativa, tendo en conta que xa foi condenado por outro roubo en Ourense.

A sentenza considera acreditado que o ladrón, pouco despois das dúas da tarde do 24 de setembro do 2016, violentou a fechadura da porta de acceso ao templo cun desaparafusador ou un instrumento que portaba. De inmediato, dirixiuse aos cepillos rompendo as súas tapas para facerse co diñeiro que había no seu interior.

Co que o pontevedrés non contaba é coa presenza do coidador do convento, que o sorprendeu e retívoo, á vez que daba aviso á policía. Minutos despois, os axentes identificaban o sospeitoso e intervíñanlle dous desaparafusadores, un martelo e un coitelo, así como 64,47 euros procedentes dos petos.

Na súa comparecencia ante o xuíz, o acusado negou os cargos. E fíxoo sostendo que se accedeu á igrexa, foi para poder rezar, mentres que as ferramentas incautadas pola policía utilizábaas no seu traballo diario. En canto ao diñeiro, mantivo que o acababa de gañar nun comecartos.

Fronte a esta coartada, o coidador de Santa Clara explicou que, cinco minutos antes de sorprender ao ladrón, comprobara que o interior do templo estaba baleiro «tendo deixado as portas pechadas».

É por iso que a Xustiza considera a versión do sospeitoso como improbable, así como que poida existir un alternativa aos feitos considerados probados. «A carga incriminatoria dos feitos base (...) resulta incuestionable e suficiente para desvirtuar a presunción de inocencia», recolle a sentenza, na que se recolle xurisprudencia do Tribunal Constitucional e do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo.