Os «Navaleiros» rememoran as súas fazañas deportivas na ría

La Voz

PONTEVEDRA CIDADE

Ramón Leiro

Xuntanza de medio centenar de padeeiros que remaron para o Club Naval de Pontevedra entre 1970 e o ano 2000

02 feb 2019 . Actualizado ás 20:28 h.

Recordos, amizade, valores, deporte, camaradería... e risos, moitos risos. Reunir durante toda unha xornada a medio centenar de persoas que compartiron durante décadas una mesma paixón, o piragüismo, e un club, o Naval de Pontevedra, dá como resultado todo iso. E moito máis. Sucedeu coa primeira xuntanza oficial dos Navaleiros, padeeiros que máis ou menos entre 1970 e o ano 2000 remaron nalgún momento para o Club Naval. E algúns ségueno facendo, obviamente en categoría de veteranos ou simplemente para manter acendida a chama.

A xuntanza foi froito dun empeño de Anabel Pavón e Mercedes Núñez, que en novembro do ano pasado comezaron a falar de reunir aos vellos compañeiros. Un deles, Enrique Dobarro, sumouse á organización, e as redes sociais e o wasap fixeron o resto. Finalmente logrouse reunir nada menos que a medio centenar de antigos compañeiros de fazañas na ría.

E á ría volveron, xa que a xornada incluíu, como non podía ser doutro xeito, unha saída en piragua. Uns vinte e cinco botáronse á auga, e aseguran os participantes que non houbo que lamentar ningunha desgraza xa que todos mantiveron ben o tipo.

Tras repor forzas cun chocolate con churros na sede do club -que nada ten que ver con aquel galpón no peirao das Corbaceiras que eles ocupaban nos anos 70, 80 e 90- a xornada continuou diante duns viños e cunha cea no Parador.

Alí tomou a palabra o actual presidente do Club Naval, Carlos Paz, e volveron os risos e os recordos, e tamén a emoción ao botar en falta a algúns Navaleiros que xa non están -Suso Morlán, Tito Astray, Palmás...-. Aseguran que a festa se estendeu ata a madrugada coa promesa de repetir.