Unha fin de semana para contar patos polo Salnés

La Voz SANXENXO / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

MARTINA MISER

A Sociedade Española de Ornitoloxía fará en varios días un censo das aves acuáticas da comarca

11 ene 2019 . Actualizado ás 20:00 h.

Con prismáticos e telescopio, un dispositivo móbil cunha aplicación e un plan de traballo por especies, os integrantes da agrupación local da Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO Pontevedra) iniciarán esta fin de semana os seus traballos para o censo anual de aves acuáticas na comarca. É unha campaña que leva a cabo en Europa, con motivo do Censo Internacional de Aves Acuáticas e no que participa España desde a década de 1950.

Realmente na comarca faranse dous censos paralelos. Por unha banda estará o oficial da Xunta de Galicia a través dunha empresa, e polo outro, o propio da SEO, que quere contar cos seus propios datos, segundo explicou o portavoz da agrupación pontevedresa, o sanxenxino Gustavo Ferreiro.

O ámbito da campaña que desenvolverá a SEO abarca o istmo da Lanzada, boa parte da península do Grove e a costa da ría desde a enseada do Vao, o litoral arousán de Sanxenxo, Meaño, Cambados e ata A Illa de Arousa, no que se cualifica como a zona ornitológica do Grove. As especies que buscarán son esencialmente as acuáticas. Nesta clasificación entran todo tipo de anátidas e limícolas, entre outras clases de aves invernantes, que nesta contorna poden variar entre as 80 e 100 distintas.

Ferreiro indicou que teñen que o censo ten a súa complexidade, porque en cada quenda que fagan teñen que percorrer todo o litoral escollido, para evitar duplicidades, axustándose ás especies elixidas para cada quenda e tendo en conta o réxime de mareas máis adecuado para cada especie. É por esta razón que o operativo lles levará varios días para a súa conclusión.