A lei non deixa lugar a dúbidas: os patinetes eléctricos, á calzada
PONTEVEDRA CIDADE
O Concello só poderá regular o seu uso polas rúas de plataforma única, que comparten vehículos e peóns
11 ene 2019 . Actualizado ás 11:24 h.A Lei de Tráfico, Circulación e Seguridade Viaria obriga aos patinetes eléctricos a circular pola calzada. Máis exactamente, a lexislación estatal en vigor -á que teñen que adaptarse as normativas municipais- especifica que as beirarrúas son un espazo «reservado» para peóns, entendendo a estes como «persoas que transitan a pé» e tamén «quen conducen a pé un ciclo ou ciclomotor». O matiz «a pé» para estes últimos é importante, pois non permite circular en bicicleta ou en patinete por eses espazos exclusivos para peóns.
Existe inseguridade xurídica para os usuarios de patinetes?
Non. Aínda que non hai unha normativa marco específica que fale de vehículos de mobilidade persoal, o feito de que a modificación da lei de Tráfico ratificada mediante real decreto lexislativo en outubro do 2015 detalla no artigo 59 do seu anexo primeiro que as beirarrúas son zonas peonís, e define a estas como «parte da vía, elevada ou delimitada doutro modo, reservada para a circulación de peóns». Polo tanto, non se lexisla especificamente o uso de patinetes eléctricos, pero si se exclúe especificamente que poidan circular polas beirarrúas, polo que só lles queda ir pola calzada.
Pode regular o Concello o uso de patinetes eléctricos?
Existe xurisprudencia que anulou normativas de Administracións locais que pretendían permitir a circulación de vehículos de mobilidade persoal por zonas peonís. A doutrina do Tribunal Supremo é que prevaleza a referida lei estatal, reservando as beirarrúas exclusivamente para peóns.
Que pasa coas rúas de plataforma única?
Son aquelas zonas nas que conviven vehículos e peóns, das que cada vez hai máis no centro urbano de Pontevedra. É o caso de todos o centro histórico, e de rúas como Michelena, Riestra , Gutiérrez Mellado, Virxe do Camiño... A citada lexislación estatal aínda non recolle a súa existencia, aínda que está previsto facelo nunha nova normativa para cuxa elaboración se pediron achegas a Pontevedra. Ao non estar incluídas na lei, o Concello si pode regulalas. Como os patinetes eléctricos e bicicletas a consideración de «vehículos», teñen que adaptar a súa marcha por estas zonas ás normas que rexen para o tráfico motorizado. É dicir, unha velocidade máxima de 20 quilómetros por hora, aínda que o goberno local prevé rebaixala a 10 por hora para calquera tipo de vehículo, incluídos coches, que circule por rúas de plataforma única.
É obrigatorio que os patinetes eléctricos teña seguro? E usar casco?
De momento non, e a súa regulación excede as competencias municipais, polo que o Concello non pode facer referencia a iso na futura ordenanza de mobilidade.
Pode haber multas por ir en patinete eléctrico pola beirarrúa?
Si. De feito, en Pontevedra xa houbo sancións -de ata 400 euros-, por «condución temeraria», segundo explicou onte o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera (BNG). Leste sinalou que só se sanciona se se aprecia que velocidade excesiva ou que se pon en risco a seguridade dos peóns. Tamén houbo algún ciclista sancionado en Pontevedra.