Peche de pais do CEIP Barcelos para que se elimine o transformador eléctrico que se incendiou onte

La Voz PONTEVEDRA LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

Ramón Leiro

O lume na instalación obrigou a desaloxar o centro  ao mediodía e os pais lembran que hai máis dunha década que se esixe a retirada do transformador do recinto escolar

03 jul 2020 . Actualizado ás 21:02 h.

Un grupo de pais de alumnos do CEIP Praza de Barcelos protagonizaron na tarde de onte unha acción de protesta no interior do centro en demanda de que se elimine dunha vez por todas o transformador eléctrico que hai no recinto.

A protesta, que se mantiña onte á noite en forma de peche, desencadeouna un incendio rexistrado no transformador ao fío das dúas da tarde, cando estaban a piques de rematar as clases. De feito, o incidente provocou que os profesores anticipasen a saída do centro, á vez que houbo que trasladar aos 70 alumnos que asisten ao comedor, ao CEIP Álvarez Limeses. O incendio provocou unha gran fumareda e estivo acompañado de varias explosións, o que provocou momentos de certo nerviosismo entre pais e alumnos.

Ademais, unha das consecuencias do lume foi un corte da subministración eléctrica en diversas zonas do centro de Pontevedra afectando a preto de dous miles clientes.

Os bombeiros de Pontevedra sufocaron o incendio e a Policía Local cortou o tráfico na zona.

A pesar de que onte todo quedou nun susto, un grupo de pais fixeron patente o seu malestar pola presenza do transformador en pleno recinto escolar. De feito, o ANPA O Galo leva anos reivindicando ante o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia que se proceda á eliminación deste elemento e que se enterre o transformador, do mesmo xeito que se fixo noutros puntos da cidade.

Os pais que protagonizan a protesta ?o ANPA desvinculouse do peche que levou a cabo este grupo? esixen que non se repare o transformador senón que se elimine definitivamente debido ao risco que entraña, unha circunstancia que aseguran que resulta evidente tras o incidente rexistrado onte. Tiñan intención de manter a súa acción de protesta mentres non reciban un compromiso claro de que se eliminará o transformador.

A última hora de onte, o delegado territorial da compaña eléctrica reuniuse cos pais encerrados no interior do centro. Fíxoo despois de manter unha conversación telefónica co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que tamén demandou da empresa unha solución definitiva para suprimir o transformador e para garantir a subministración eléctrica na zona máis aló do uso de xeradores.