Unha demanda histórica

PONTEVEDRA CIDADE

A Fiscalía de Pontevedra persegue unha condena exemplar contra Audasa por cobro abusivo de peaxes durante os tres anos de obras na ponte de Rande

15 dic 2018 . Actualizado ás 21:06 h.

A demanda colectiva que a Fiscalía de Pontevedra presenta contra a concesionaria da Autoestrada do Atlántico constitúe un feito inédito sen precedentes na recente historial xudicial española. É unha acción tan atinada como popular xa que resulta moi gratificante que o ministerio público, actuando en nome de miles de prexudicados, impute a unha empresa todopoderosa como Audasa por presuntas prácticas abusivas.

A améndoa do asunto é que a concesionaria que explota un negocio millonario que factura 16.000 euros cada hora, mantivo incólume o cobro de peaxes no tramo Pontevedra-Vigo durante tres anos, pese ao tremendo impacto das obras dos novos carrís na ponte de Rande. A demanda expón que Audasa ingresou sen pestañear, desde febreiro do 2015 a xuño do 2018, da orde de 90 millóns de euros en peaxes.

É a primeira vez que a Fiscalía, actuando en nome de miles de usuarios da AP-9, acurrala a unha empresa que se beneficiou da súa prevalencia. Audasa vén gozando indistintamente das bendicións do PSOE e do PP. Ministros como Pepe Blanco ou José Luis Ábalos, como Ana Pastor ou Íñigo da Serna, asinaron e recoñecido acordos que posibilitaron as obras acometidas tanto en Rande como en Santiago. Traballos financiados por Audasa que se prestou para aliviar os Orzamentos Xerais do Estado, a cambio de ampliar o período da concesión; xa que logo do negocio. Pero a realidade é outra moi distinta: Audasa só adianta o diñeiro. As obras e os intereses así como a marxe de beneficio da propia Audasa finalmente pagámolo con fartura todos os usuarios da AP-9. Coa bendición oficial, vía BOE, que garante unha subida graduada de prezos durante unha chea de anos máis.

Censura a políticos

A demanda da Fiscalía implica unha censura aos políticos que tiveron responsabilidades nesta materia. De modo moi particular, hai unha reprimenda implícita ao pontevedrés Mariano Rajoy a quen coubo como presidente do Goberno, inaugurar o pasado 30 de decembro, os terceiros carrís de Rande. Consciente ou inconscientemente se prestou ao que supuxo unha pantomima. O certo é que aínda que Audasa cobrou sen piedade coma se estivesen en pleno uso, na práctica durante seis meses máis continuaron os cortes por obras que condicionaron a circulación de milleiros de vehículos a través dos carrís supostamente en uso.

Se a Fiscalía logra gañar este histórico preito, ao xulgado pontevedrés que lle corresponda sentenciar o caso, quedará a papeleta de establecer o procedemento para resarcir aos usuarios afectados. Unha papeleta de coidado xa que a capacidade probatoria do dano sufrido non será a mesma para todos. De antemán parece que só aqueles condutores que poidan acreditar que pagaron mediante extracto bancario, xa por pagamentos con cartón, xa por telepeaxe Vía-T, terán máis sinxelo acollerse ao proceso de reintegro que puidese determinarse para Audasa.

¡Que vén o o-vox!

A humillante entrada en escena do partido ultradereitista Vox coa consecución de case 400.000 votos en Andalucía e 12 deputados no parlamento desa comunidade, xunto con outros indicadores que nos deixaron os comicios do pasado domingo, introducen dúbidas, novas e razoables, sobre o que poida pasar nas próximas eleccións municipais. É unha sensación invasiva que me resumía un colega local cunha frase moi gráfica: «Da porra que fixen fai uns días co posible resultado que se dará en Pontevedra á que faría agora despois do de Andalucía, vai unha notable diferenza». O taboleiro que presupuñamos fai só un par de semanas saltou polo aire. Non só polo factor Vox; tamén por outros motivos.

Galicia é diferente? Está por ver que Vox sexa capaz de montar listas en sitios como Pontevedra, onde ata agora carecía de estrutura algunha. E xa que logo se terá capacidade de influír nos resultados que se poidan dar o próximo 26M no ámbito do centro-dereita que parecía coto exclusivo de PP e Cidadáns. Así mesmo confírmase que no outro extremo do arco político, BNG e Marea Pontevedra terán outro comensal á mesa: Podemos decidiu presentarse tamén.

Pero creo que o exemplo andaluz nos traslada un risco maior: a desafección de miles de electores. O domingo pasado ensinou que os vellos partidos parecen estar en declive e que os novos partidos tampouco teñen garantido ser unha alternativa resistente ante o que parece unha corrente devastadora e contaxiosa. Nese río revolto sobre todo Vox e en parte Cidadáns pescaron. E sobre todo os de Abascal canalizando moito cabreo. Seguindo declaracións de diversos dirixentes políticos do PP, PSOE, BNG, Podemos e Cidadáns insisten en que Galicia é diferente. Teño a sensación de que aínda están facendo a dixestión do ocorrido ao sur de Despeñaperros sen ter moi claras as causas. Dispoñen de menos de cinco meses para decatarse.