Unanimidade política en contra da proposta do PSOE sobre o futuro de Ence

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

21 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A proposta lanzada polo PSOE de Pontevedra -facéndose eco, é de supor, da postura do Goberno central-, de constituír unha mesa para negociar o traslado de Ence xerou onte absoluta unanimidade en contra.

Tanto a propia empresa como o goberno local (BNG) xa cuestionaron o plan o mesmo día en que se lanzou. Ence, porque insiste en que o traslado é pouco menos que inviable; o Concello, porque considera que a proposta é unha «cortina de fume» para ocultar que o Goberno de Pedro Sánchez non ten previsto dar ningún paso para revisar a prórroga por 60 que se lle concedeu á pasteira no ano 2015.

Onte produciuse unha fervenza de reaccións rexeitando o plan. A Xunta, o PP local, Cidadáns e Podemos, expresaron os seus receos.

O vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda, cualificou o anuncio de «globo sonda» e reclamou «seriedade» ao PSOE. «Nun tema tan serio o anuncio non pode facerse na sede dun partido nin que un partido faga de portavoz do Goberno. É unha proposta motivada porque están cerca as elección». Rafa Domínguez, portavoz municipal do PP, cuestionou que tanto BNG como PSOE fagan propostas «ara pechar empresas. Nós non imos perder nin un minuto en iso».

Desde Cidadáns cualificouse o plan de «política de ciencia ficción». «Ou atopan un mesías que obre milagres ou nesa mesa de negociación sentaranse sos», valorou María Rey .

Tamén Podemos Pontevedra restou credibilidade a unha proposta que ve como «un anuncio propagandístico e electoralista».