O Pontevedra encara o desconto da pretemporada

C. Pereiro PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

emilio moldes

Hoxe medirase ao Racing de Ferrol na Malata, ás 20 horas

18 ago 2018 . Actualizado ás 05:05 h.

Comezan a estar as cartas sobre a mesa e a non poucas se lles deu xa a volta. Apenas unha semana separa ao club granate do seu comezo ligueiro. Será o vindeiro sábado 25 de agosto, contra o Unionistas. Antes, e máis concretamente hoxe, Luismi terá unha das últimas oportunidades para comprobar como está de preparado o equipo para afrontar unha competición longa e dura, na que o obxectivo prioritario será a permanencia na categoría. Iso si, tanto club como afección agardan lograla con menos sufrimento que o ano pasado e, a poder ser, non ter que confirmala no último partido, coa última bala.

O partido de hoxe contra o Racing de Ferrol preséntase como un ensaio xeral bastante vistoso. É un rival forte, a pesar do seu descenso, e aseméllase bastante a calquera dos equipos contra os que terá que competir o resto da tempada. Quedará tamén o Alondras o vindeiro mércores, aínda que este xa xogaba o ano pasado en Terceira.

Luismi afirmou onte tras a sesión de adestramento que o partido contra o Racing supón un punto de inflexión na pretemporada. O once que saia ao campo é, previsiblemente, o máis parecido que veremos a calquera once titular que o técnico decida aliñar na estrea da pretemporada. Houbo tempo para probas e experimentos, agora o que queda é comprobar en que se traduciu todo iso e cales son os nomes que Luismi disporá sobre o céspede. «Agora mesmo só teño dous ou tres dubidas. A base téñoa en mente», explicou de cara a esa construción do equipo titular.

Previsiblemente, o adestrador granate tratará o máximo de minutos posible a Mikel Arruabarrena, última fichaxe do club, para habituarse ao seu papel como dianteiro en Pasarón. Tras meter un gol no último encontro, Luismi confirmou a súa boa adaptación ao equipo, e comentou as boas sensacións en xeral que está vivindo o vestiario de cara a comezar a tempada. O dianteiro vasco é un xogador experimentado a final de contas, polo que a súa capacidade para comezar de cero nun equipo é moito máis notable que a dun futbolista máis novo.

Sen Pibe por un tempo

Durante o partido contra o Betanzos, Pibe sufriu unha dura entrada que no momento xa se asumiu como de gravidade, e que onte Luismi quixo confirmar as consecuencias da mesma. O centrocampista arxentino sofre unha escordadura de consideración no nocello que o manterá unhas semanas afastado de calquera convocatoria posible. Hai serias dúbidas de que estea dispoñible para o primeiro partido de liga.

Non é o caso de Álex González, que xa está recuperado dos seus problemas musculares que lle fixeron baixar o ritmo de preparación fronte aos seus compañeiros de equipo. Agárdase a volta, tamén, de Juan Barbeito.