Ribeiras do Morrazo, o viño «oceánico» que quere darse a coñecer

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

emilio moldes

A Indicación Xeográfica Protexida lanza unha campaña promocional baixo o lema «Que hai nesta botella?»

17 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Se unha agrupación de colleiteiros, adegueiros e viticultores pon en marcha unha campaña promocional baixo o lema Que hai nesta botella?, a resposta parecería obvia: un viño de tales ou cales características. Pero tratándose da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo, a resposta non pode ser tan simple. Neste caso, a botella contén moito máis: «Un territorio vivo, unha paisaxe cultural, sustentabilidade e economía local, un viño fresco e oceánico... de calidade».

Iso é o que di a campaña. Pero dentro da botella de Ribeiras do Morrazo hai aínda máis cousas, segundo indicou onte o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), que é o presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo cuxo respaldo foi clave para lograr a IXP. «Hai desenvolvemento rural, hai un proxecto de fixación de poboación, hai potencialidade, hai unha viticultura de calidade e hai futuro», sinalou.

Responsables do GDR, da IXP e da Xunta presentaron onte a campaña de promoción, que pretende «o recoñecemento social» dos viños de Ribeiras do Morrazo nun dobre sentido: tanto dinamizar a viticultura nos oito municipios que forman parte da IXP como situar os viños de cara ao mercado.

Para iso contaron co vicepresidente da Asociación Galega de Catadoras, Antonio Portela, que tamén é adegueiro na zona. «Estamos diante duns viños frescos, con personalidade, autenticidade e carácter. O futuro da IXP de cara ao mercado é inmenso».

Na actualidade hai só catro adegas certificadas no ámbito da IXP, pero o territorio que abarca ten potencial para moitas máis, xa que moitos pequenos colleiteiros que non se sumaron aínda ao proxecto. José María Tobío, xerente do GDR, calcula que Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela -os municipios que forman a IXP e que no seu día quedaron fóra da D.Ou. Rías Baixas- suman uns 25.000 viticultores que contan con algo máis de 73.000 parcelas de viñedo en ao redor de 1.500 hectáreas. Lograr que esa produción non se abandone é un dos obxectivos dunha campaña de promoción, que busca demostrar que a viticultura pode ser rendible en Ribeiras do Morrazo.