Aceptan dous anos de cárcere por tráfico de cocaína entre Madrid e Galicia en coche

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

Cedida

A banda utilizou o aparcadoiro dun supermercado de Pontevedra para transvasar 10 quilos

13 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Tres individuos acaban de ser condenados pola Audiencia Nacional a dous anos e oito meses de cárcere como responsables dunha operación de narcotráfico coa que colocaron dez quilogramos de cocaína entre Madrid e as Rías Baixas. Un cuarto implicado, fillo dun dos integrantes da banda, que utilizaba automóbiles para transportar a mercancía, cumprirá un ano e tres meses de prisión como cómplice do mesmo delito. Todos eles admitiron os feitos dos que se lles acusaba con respecto ao transvasamento do material, executado na cidade de Pontevedra en setembro do 2016.

Foron membros da Unidade de Drogas e Crime Organizado (Udyco) da Brigada Central de Estupefacientes quen estableceron os dispositivos de seguimento, tanto nas provincias de Madrid como de Pontevedra, dos dous vehículos nos que viaxaban tres dos implicados na trama. Un deles era conducido por un suxeito que carga cun amplo historial delituoso ás súas costas e inclúe unha condena por branqueo de capitais en Alemaña e outra sentenza por un delito de lesións. El era o encargado de transportar o material. Os dez quilos de cocaína distribuíanse en cinco paquetes que viaxaban no interior do turismo, envolvidos na bolsa de plástico dun supermercado. As forzas de seguridade apuntan a que o seu destino era ser distribuídos en Galicia.

Este automóbil circulaba cara a Pontevedra escoltado por un segundo vehículo que, segundo a policía, exercía as funcións de lanzadeira. Ao volante, un veciño de Torrexón de Ardoz que carecía de antecedentes. Como copiloto, o seu fillo, maior de idade, cuxo único rastro xudicial era unha condena por condución baixo os efectos do alcol.

O labor deste segundo vehículo parece bastante claro. «Os dous suxeitos exercían un labor de seguridade, aviso e contravigilancia fronte a posibles controis policiais, tanto durante o desprazamento da comitiva desde Madrid ata a provincia de Pontevedra, como durante os decisivos instantes en que se produciría a entrega da sustancia estupefaciente e a consecuente recepción do diñeiro».

O destinatario do material agardaba aos seus colegas na avenida de Vigo, na cidade de Pontevedra. O condutor da cocaína introduciu o seu automóbil no aparcadoiro dun supermercado e estacionouno ao lado da furgoneta que pertencía ao comprador do material, un suxeito oriúndo de Vilanova con antecedentes por tráfico de sustancias psicotrópicas a media escala. Mentres o transvasamento levaba a cabo no interior do aparcadoiro, un dos escoltas permanecía sentado nun banco, no exterior das instalacións comerciais, sen decatarse de que estaban a ser vixiados. Tras consumar o envío, cada rato ao seu burato. Ata ser arrestados.

A mercancía viaxaba nun vehículo que era escoltado desde a capital por un segundo turismo

Un atasco na Autovía do Salnés facilitou a caída do vilanovés que comprou o material

O primeiro en caer, unha vez consumado o transvasamento da cocaína, foi o vilanovés que a recibiu. O tipo conducía a súa furgoneta pola autoestrada AP-9, en dirección a Santiago, cando se decatou de que a policía lle seguía os pasos. Tratou, entón, de burlar aos axentes, dando un volantazo repentino para internarse no desvío que conduce á Autovía do Salnés. Ao home, con todo. xogoulle unha mala pasada lle elevada densidade de tráfico que soporta esta estrada, posto que se viu no medio dun atasco e tivo que reducir drasticamente a velocidade ata ser capturado. Non hai mal que por ben non veña.

O resto da banda foi apresada en Madrid. Alí xestionaban un almacén no que gardaban outros 25 quilos, que no mercado xerasen polo menos un millón e medio de euros.