Así funciona a gran factoría de conciliación de Pontevedra

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

María Hermida

A ludoteca pública, que por primeira vez arrincou en xuño, xa enche de risos e de historias de piratas o CEIP de Campolongo

28 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda que se supón que nos asusta o vella que se está facendo España e sobre todo Galicia, e que hai que apoiar a natalidade, nesta terra a conciliación séguenos provocando calafríos. Que levante a man a nai ou o pai ao que non lle entren suores frías cando pensa en como coidar aos nenos todo o verán. En Pontevedra as cousas non están doados, como en ningures. Pero polo menos aquí non hai que pelexarse por unha praza de ludoteca pública, como sucede noutros concellos e cidades. A Fanpa, estirando como un chicle o diñeiro que lle dá o Concello e cobrando unha achega ás familias, organiza o Ludoverán e habilita as prazas que fagan falta. Este ano pasa das dous mil e a actividade arrincou antes que nunca, en xuño, nesta última semana na que xa non hai clase e moitos pais traballan. Non hai nada mellor que acudir ata o Ludoverán para comprobar que, aínda que o programa é unha ferramenta de conciliación, é tamén unha enorme oportunidade de diversión para os rapaces.

En xuño, toda a actividade do Ludoverán céntrase no colexio de Campolongo -en xullo e agosto repártese en varios centros-. Alí, onte a media mañá, podía tomarse a temperatura ao Ludoverán. Empezamos polos máis pequenos. Sobre as 12.00, estaban a cuberto. Era doado deducir que a cousa, de momento, vai do mar, os piratas e os mariñeiros. Uns nenos confeccionaban barquitos de papel vermellos. Leo, rapidamente, ensinaba o seu: «Faille unha foto que é moi bonito», insistía. E tiña razón. Noutro recuncho, sentados na mesma mesa, máis nenos celebraban o aniversario de Salma. Ela contaba, con moito segredo, que en realidade non estaba de aniversario, que era só de mentirijilla. A estes rapaces tocáballe gozar do tramo de xogo libre e, como ven, imaxinación non lles faltaba. Para agradar a Salma no seu suposto aniversario, facían tortas, guirnaldas e cantábanlle cancións. Case nada.

Tesouros ou bocadillos de chourizo

Xa no exterior, algúns nenos xogaban coa pelota. Un monitor, de parche no ollo e pañoleta pirata, contáballes historias de quen asucan os mares en busca de tesouros. Escoitábanlle. e respondían con acerto ao que lles preguntaba. Pero de cando vez tamén se rían de xeito abondo: «Os tesouros dos piratas son bocadillos de chourizo», berraba un pequeno, provocando o riso xeneralizado do resto. Non había aburrimento nin nada semellante.

E os de primaria? Eles xogaban onte a un Coloca 4 ben especial, no que había que pasar por unha carreira de obstáculos, ximnasia pura. Dous rapaces reflexionaban sobre se preferirían estar en casa ou acudir ao Ludoverán. Un dubidábao e mesmo apuntaba a que xogar á consola no seu sofá non lle desgustaría nada. O outro lle miraba incrédulo e espetáballe: «Como que non queres vir? Eu pásomo xenial pero porque estás ti tamén aquí». A cousa acababa en abrazo. E risos. Moitos risos.