Entregadas máscaras en todas as vivendas de Ponte Caldelas

Marcos Gago Otero
Marcos Gago PONTE CALDELAS / LA VOZ

PONTE CALDELAS

CONCELLO DE PONTE CALDELAS

O Concello atenderá as peticións daqueles veciños que non estivesen en casa cando pasou a repartición

18 abr 2020 . Actualizado ás 13:54 h.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, informou de que se completou a repartición de máscaras en todo o centro urbano e os 33 núcleos rurais do municipio. A repartición fíxose porta a porta en todas as vivendas do concello, entregándose as máscaras de forma gratuíta e para todas as persoas que residen en cada vivenda. En total, distribuíronse preto de seis mil máscaras lavables, confeccionadas en dobre tea TNT con filtro interior de papel toalla, para unha maior protección do usuario. A tea TNT é unha tea sen tecer indicada para a confección de máscaras sanitarias, repelente de fluídos, antibacteriana, hipoalérgica e que se pode lavar con auga quente e xabón.

O Concello precisa que se entregaron máscaras negras e brancas. As negras confeccionáronas de forma altruísta as costureiras de Ponte Caldelas, cos materiais achegados polo Concello. As brancas adquiríronse nun lote de dous miles máscaras para poder dispor de stock. O goberno local dispón de máscaras suficientes para entregar a aquelas persoas que puidesen quedarse sen ela por atoparse fóra da vivenda no momento da entrega. Estas persoas poden pórse en contacto co Concello a través das redes sociais ou ben chamando ao 986 750 013, extensión 2, de luns a venres, en horario de nove da mañá a dúas da tarde.