Troncos calcinados que aínda seguen en terreos privados caen a cada paso sobre as estradas

La Voz

PONTE CALDELAS

21 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

En Ponte Caldelas, case todas as comunidades de montes afectadas polos grandes incendios do 2017, que queimaron o municipio de punta a cabo, lograron xa sacar a madeira queimada das súas propiedades. Algúns fixérono con acordos con madeireiros e outros se sumaron a convenios coa Xunta para triturar aqueles restos que non tiñan interese comercial. O problema é que aínda segue habendo moitos troncos calcinados a pé de monte, en moitos casos en terreos particulares cuxos propietarios ás veces viven lonxe e son difíciles de identificar -Ponte Caldelas é un dos municipios onde a emigración a países como Brasil tivo un peso tremebundo-. O problema é que esa madeira negra que aínda segue no monte estase caendo a cada paso sobre as estradas caldelanas.

Nos días nos que a choiva se combina con vento non é difícil ver ramas caídas en sitios como a estrada que vai desde Ponte Caldelas ata Arcade. Igualmente, na pista de Silvoso ou de Regodobargo tamén houbo problemas porque caeron distintos troncos. «É un auténtico perigo ter iso así», sinala un comuneiro caldelano.

Cordóns verdes

Máis aló de mirar ao pasado e pensar na enorme factura que deixaron os incendios do 2017 en Ponte Caldelas, algunhas comunidades de montes non deixan de darlle volta ao futuro inmediato. Que se pode facer co monte para evitar outro episodio de lume? Esa é a gran pregunta. En Chaín e O Barbudo están a planificar facer cordóns verdes e mesmo meter gañado.