«Se fose un dos pais dese mozo ata pediría que me fusilasen»

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA

PONTE CALDELAS

atlas

O autor confeso do crime de de Ponte Caldelas do 2015 evita contestar a preguntas no xuízo e limítase a suplicar que lle poñan «xa un castigo»

15 oct 2019 . Actualizado ás 15:48 h.

Case catro anos despois do crime, na Audiencia Provincial de Pontevedra deu comezo hoxe, luns, o xuízo contra Marcos Vidal, que está acusado de matar a Manuel Rivas. Trátase do coñecido como crime de Ponte Caldelas, no que mesmo chegou a estar como investigada Sandra, a viúva, aínda que finalmente non terá que sentarse no banco dos acusados xa que a Xustiza considera que non participou na morte. Así, esta muller unicamente figura como testemuña, e en calidade diso declarou esta mañá de luns. 

O xuízo comezou ás 10.00 horas coa elección do xulgado popular. Tres horas despois, na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, a maxistrada deu conta dos feitos probados. Así, indicou que o día 28 de novembro do 2015, sobre as sete da mañá, Marcos Vidal desprazouse desde Arcade ata Ponte Caldelas, onde vivía o matrimonio formado por Manuel e Sandra. E, tras comprobar que ela durmira co seu marido e que non estaba xa en casa, agardou a que Manuel saíse do domicilio, fíxolle volver ao fogar e, unha vez alí, asestoulle 15 puñaladas cunha navalla, provocándolle a morte. Ademais, chamou por teléfono á muller, que escoitou berrar de dor ao seu marido, e logo envioulle unha foto de Manuel agonizando. Máis tarde, avisou ao 112 do que acababa de facer e entregouse á Garda Civil. 

O fiscal considera que os feitos son constitutivos dun delito de asasinato, así que solicita unha pena de vinte anos de cárcere para Marcos Vidal e unha prohibición de achegarse á viúva de 25 anos de duración. A defensa non pide a absolución, xa que Marcos Vidal recoñece os feitos, pero solicita que non se aplique o ensañamiento. Tamén critica a dilación do proceso, xa que Marcos Vidal leva catro anos no cárcere sen ter sido xulgado. Esta mañá, antes de entrar no xuízo, o letrado dixo que o procesado contestaría as preguntas de todas as partes. Con todo, conforme empezou a vista, o guion previsto saltou polo aire.

Marcos Vidal, que non deixou de xesticular nin un só momento mentres falaba o fiscal e os distintos avogados, indo desde o sorriso de medio lado ata o pranto, non accedeu a contestar a ningunha pregunta. Nin sequera ás do seu propio avogado, que pediu un receso para falar con el e nin así lle convenceu.

Iso si, Marcos Vidal, que leva catro anos en prisión preventiva, tomou o micrófono para volver declararse culpable. E fíxoo con vehemencia: «Si, claro que son o autor dos feitos. Sempre o dixen, levo catro anos agardando a que me xulguen e póñanme xa o meu castigo». Logo, engadiu: «Perdín o xuízo e se fose os pais dese mozo claro que pediría que me encarcerasen e ata que pediría que me fusilasen se fosen outros tempos». Díxoo entre saloucos e non falou máis. 

Se explayó moitísimo máis Sandra, a viúva. Antes de que falase, e como esta muller estivo investigada (a petición da familia de Manuel Rivas e en contra do criterio da fiscalía) pero agora xa só é unha testemuña, a maxistrada presidente lanzou un aviso aos letrados :«Só se xulga a quen se xulga», en alusión a que unicamente Marcos Vidal está no banco dos acusados.

Sandra contestou primeiro ao fiscal. E, máis aló de narrar o que xa se sabía, que Marcos Vidal lle chamou cando xa acoitelara ao seu marido e oíu berrar a leste de dor mentres dicía «¡Non, Marcos, non!», puxo moito empeño en negar que fose parella ou amante do acusado, ao que coñeceu porque rexentaba unha barbería ao lado da tenda da que ela era responsable. 

Sandra presentouse como unha muller acosada por Marcos Vidal. De feito, insistiu en que lle amargaba a vida tanto a ela como ao seu marido e logo vítima. Dado que hai numerosísimos mensaxes telefónicas e chamadas que dan mostra de que ela e Marcos escribíanse a diario, Sandra indicou que todo o facía «porque el así o esixía» e para que estivese tranquilo e non a molestase nin a ela nin a Manuel. Contou que os tiña a ambos os ameazados e que, aínda que comunicou o que lle estaba pasando á policía, aconselláronlle que era mellor non denunciar. Di que o seu marido tampouco fixo nada porque «era un home pacífico e cría que a Marcos xa se lle pasaría». 

Sandra, unha e outra vez, contou os tormentos que padecía por culpa da insistencia de Marcos de manter unha relación con ela. «Estaba obsesionado comigo», explicou, e tamén narrou as secuelas físicas e psicolóxicas que lle deixou o crime. Dixo que mesmo perdeu visión e audición. E tamén contou que o seu marido estaba ao tanto de todo o que pasaba con Marcos. 

As súas respostas a preguntas tanto do fiscal como do seu propio avogado prolongáronse excesivamente. E, sobre as tres da tarde, a maxistrada decidiu cortar e facer un receso para ir comer. Sandra seguirá declarando pola tarde.