Ponte Caldelas fai do seu asfalto un circuíto no que despegar

C. Pereiro PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTE CALDELAS

ADRIÁN BAÚLDE

Alexis Viéitez continúa mandando dentro do Campionato Galego de Montaña

04 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os números avalaban o éxito da Subida a Ponte Caldelas. É certo que aínda non concluíu, e que hoxe os motores continuarán ruxindo ao longo da mañá, pero o número de xente que se presentou no municipio pontevedrés, xunto á marca de pilotos que tomaron a saída son probas máis que suficientes para poder descorchar a champaña e berrar ao vento que a proba se converteu nun referente dentro do circuíto galego de montaña.

Ata oitenta e catro pilotos estiveron este sábado autorizados a tomar a saída. Unha cifra nada desdeñable, e que auguraba unha tarde de espectáculo puro, aderezado coa calor estival e os raios do sol que caían sobre os centos de afeccionados ao motor que non quixeron perderse a súa cita con esta proba.

De todos os pilotos, once eran locais, cifra que ejemplifica a paixón que sente o concello de Ponte Caldelas polo automobilismo. Case catro quilómetros por percorrer pola zona de Rebordelo, desde a PO-224, ata a PO-103. Curvas rápidas, pechadas e emocionantes. Como novidade, a colocación dunha chicane, elemento único en todo o campionato galego, xa que o trazado conclúe cunha enorme recta, en lugar de en curva como o ano pasado.

Convertido case nunha tradición, Alexis Viéitez fixo as honras de ser o primeiro en tomar medidas do circuíto, e foi o piloto máis rápido ao longo do día. O actual campión galego segue gozando do seu novo vehículo e continúa conducindo cara ao seu novo título autonómico a lombos do seu flamante Dicode FR, o novo monopraza que adquiriu tras perder o seu anterior vehículo nun incendio e perigando a súa participación no campionato, meses atrás.

O piloto pontevedrés demostrou ter unha rapidísima adaptación ao seu novo monopraza, e xa leva varias vitorias consecutivas. Nese sentido, a primeira manga finalizou con el en primeira posición. Uns segundos máis lentos, pero moi preto, apareceron Jacobo Senín e a súa Norma, e Miguel A. García, pilotando o seu Silver-Car EF10.

A segunda maga foi similar. Con Alexis dominando a proba e Jacobo ao rebufo, competindo contra o cronómetro.

A escuadra Buxa Motor Poio, confirmou a última hora da tarde que todo saíra segundo o previsto, e que non se produciron incidentes relevantes de ningunha clase ao longo do día. Os espectadores, como sucedeu ao longo do campionato, colaboraron activamente en manter a seguridade do evento e respectaron as zonas sinaladas para ver a proba sen perigo.

Hoxe, a primeiro agora de mañá, procederase ao comezo da terceira manga.