Ver a FP Básica como unha oportunidade

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTE CALDELAS

CAPOTILLO

O IES Montecelo implícase para buscar unha alternativa a estes mozos. Dous deles lograron unha medalla de ouro co seu xardín con estanque en Galicia Skills 2018

05 dic 2018 . Actualizado ás 05:05 h.

Nalgúns centros educativos a FP Básica vese como un marrón. Lidar con estudantes desmotivados que non acabaron a ESO deriva moitas veces nun caldo de cultivo propicio para os conflitos na aula. «Depende dos cursos ou dos anos. En todo caso, en xeral é un alumnado con moi pouco hábito de estudo e ao que lle custa seguir as normas», apuntan desde o equipo directivo dun instituto da cidade.

Sen negar que iso pode ser así, no IES Montecelo quixeron desde hai anos dar unha volta e apostar decididamente pola FP Básica. É o centro que oferta máis ciclos desta modalidade de formación profesional: Agroxardinería e composicións florais, Artes gráficas, Mantemento de vehículos e Peiteado e estética. Dous alumnos de FP Básica deste instituto, Adrián Darriba Bello e Alberto Martínez Garrido, demostraron o seu valía na feira Galicia Skills 2018 cunha medalla de ouro. Son estudantes de 1º curso do ciclo de Agroxardinería e o xardín con estanque que tiveron que montar nun máximo de doce horas foi considerado como o mellor.

«Nunha conversa con directores de centros alí en Silleda moitos vían na FP Básica un problema. Para nós é unha oportunidade. Moita xente ten unha opinión peiorativa dela, pero para nós non é así. Nas competicións de FP Innova ou Galicia Skills estes alumnos sempre conseguen bos resultados», recalca o director do IES Montecelo, Miguel Carballa. En teoría, para cursar FP Básica hai que ter máis de 16 anos e ter ata 2º da ESO, aínda que excepcionalmente poden acceder menores desa idade. Na práctica, apunta Carballa, o 80 % dos estudantes teñen menos de 16 anos. «A maioría teñen 15 ou 16, e tivemos algún de 14».

A formación que reciben compaxina a aprendizaxe dunha profesión, segundo o ciclo elixido, con dous módulos transversais de ciencias aplicadas e comunicación á sociedade. «Poden pasar tres cousas, que non consigan nada e entón repitan curso ou abandonen, que certifiquen os módulos profesionais e que se titulen na ESO», detalla o director do IES Montecelo. Cos datos do curso pasado, 12 de 17 alumnos tituláronse en Artes gráficas; 11 de 12 en Mantemento de vehículos; 10 de 17 en Peiteado; e 7 de 18 en Agroxardinería. «A metade dos que se titularon están agora facendo ciclo medio, e en dous casos xa están co ciclo superior despois de facer o medio», engaden desde este instituto.

Adrián Darriba ten 16 anos e é de Fornelos de Montes. Competiu a semana pasada en Silleda en Galicia Skills co seu compañeiro Alberto Martínez, de 17 anos e de Ponte Caldelas. Cursan 1º de Agroxardinería. Adrián tiña claro que o ían facer ben. «Practicaramos un pouco e levámonos ben, iso axuda. Tivemos que facer un xardín con estanque. Levaba un camiño con herba artificial e o estanque unha fonte», relata. As doce horas fixéronlles falta para facer o seu traballo. Adrián elixiu este ciclo «porque era unha das opcións que me gustaban e para sacarme a ESO. Non descarto dedicarme a algo de xardinería», conta. Os seus pais, do mesmo xeito que os de Alberto, están «moi orgullosos» do resultado logrado.

Alberto explica que o máis complicado do xardín foi o estanque. Confiaba en que o podían facer ben, pero admite que cando chegaron tiña «algunhas dúbidas e algo de estrés». Entre o seu plans figura acabar o ciclo, que considera útil, pero non pensa en vivir da xardinería. A súa aposta persoal é a equitación: «Monto nunha hípica e de poder elixir sería o meu traballo».