Coa autorización previa da Consellería de Medio Rural, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xoán de Poio acaba de estrear un novo asador na área recreativa do Castro, no monte Castrove. Esta instalación foi executada con fondos da comunidade e coa axuda da empresa Ence.
Tras precisar que «cumpre con todos os requisitos de seguridade e inclúe dezaseis parrillas cubertas», destacaron que «desde a pasada fin de semana xa están a disposición de toda a veciñanza». A intención é que estean operativas as grellas todo o ano con excepción daqueles días nos que «o índice de risco de incendio forestal (IRDI) avaliado diariamente pola consellería de medio rural sexa extremo. En situacións de índice baixo, moderado, alto ou moi alto, está permitido o uso dos asadeiros».
Con ocasión da posta en marcha desta iniciativa, José Rodríguez Couselo, presidente dos comuneiros de San Xoán, invitou os veciños de Poio e do resto de concellos da contorna a «volver a desfrutar do monte Castrove». Iso si, utilizando as instalacións de forma respectuosa co medio ambiente e coa actual situación sanitaria.
Apuntaron que «o uso de lume para asar no monte quedou prohibido trala entrada en vigor da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais», polo que durante os últimos ano este colectivo «traballou para elaborar un proxecto que cumprise os estritos estándares e normas vixentes». Para Rodríguez Couselo «a construción dos asadeiros converte O Castrove nun dos pouquísimos lugares en toda a provincia con instalacións autorizadas e seguras para facer comidas no monte».