Un compromiso de Portos busca pór fin a once anos de paralización da reforma do porto de Raxó

Alfredo López Penide
L. Penide POIO / LA VOZ

POIO

CEDIDA

04 mares 2021 . Actualizado ás 08:20 h.

Tras once anos de parálises, a reforma do porto de Raxó, en Poio, pode comezar a ser unha realidade este 2021. De feito, o portavoz municipal de PSOE, Gregorio Agís, e a deputada socialista Paloma Castro anunciaron que «a Xunta de Galicia se comprometeu a iniciar o proxecto de rehabilitación da zona este mesmo ano». Engadiron que este compromiso é consecuencia de que o seu partido levase ao Parlamento autonómico unha proposición non de lei abordando esta problemática que foi aprobada por unanimidade na Comisión de Pesca e Marisqueo.

Agís lembrou que o convenio con Portos de Galicia foi rubricado no 2009 e contemplábase «unha actuación moi ambiciosa tanto neste porto como no de Covelo, na parroquia de Samieira». É por iso que, do mesmo xeito que Paloma Castro, mostrou a súa satisfacción «polo compromiso de Portos, á vez que puxo en valor «o esforzo que realizamos desde o PSdeG-PSOE, tanto ante a Cámara como no labor que desempeñamos desde o Concello (...). Agora toca loitar polo proxecto de Covelo, tal e como estaba comprometido».

Pola súa banda, Castro lembrou como «hai uns anos, a Xunta iniciou un paseo marítimo de madeira que quedou sen rematar, xa que actuaron só en cen metros que non chegan nin á praia». É por iso que advertiu de que «queda todo por facer», desde as beirarrúas ata «o arranxo do muro de contención», pero tamén «a »; sinalización, valado e instalación de mobiliario urbano; o cambio do pavimento; a colocación de luminariaasí como a propia «actuación no peirao».

Desde o PSOE incidiron en que este proxecto se suma ao do novo saneamento subscrito a tres bandas por Poio, Sanxenxo e o Goberno central que permitirá ampliar a EDAR de Paxariñas facilitando a depuración de Raxó e Samieira. Foron estas unhas negociacións na que participou directamente Gregorio Agís como edil de Urbanismo, quen aludiu aos avances que se deron para o cambio de titularidade da illa de Tambo.

Talante de Portos

Agís agradeceu o talante da actual presidenta de Portos, Susana Linguas, quen «desde o primeiro momento accedeu a abordar este tema con seriedade e coa preocupación en buscar unha solución a un problema endémico, provocado, precisamente, pola actitude dos seus predecesores (...) coa complicidade do Partido Popular de Poio».