Suspendidas as subidas da Escusa e Ponte Caldelas

Alfredo López Penide
López Penide POIO / LA VOZ

POIO

Adrián Baúlde

A intención da organización, a Escuadra Buxa Motor Poio, é retomar o calendario de probas no 2021

21 may 2020 . Actualizado ás 12:21 h.

A Escuadra Buxa Motor Poio, encabezada pola súa presidenta Noemí Blas Prieto, acaba de anunciar o adiamento das dúas probas automobilísticas organizadas por esta escuadra, as subidas A Escusa e a Ponte Caldelas, que se agardan retomar o próximo ano. Explicaron que, «a día de hoxe, 20 de maio, ningunha das administracións ou entes implicados na celebración deste tipo de probas deportivas -Xunta de Galicia, concellos de Poio e Ponte Caldelas, Federación Galega de Automobilismo,Garda Civil...- é quen de asegurar en que datas se poderán levar a cabo, que condicións de tipo sanitario haberá que cumprir e a repercusión económica que estes cumprimentos puideran implicar para a organización, así como as responsabilidades no caso de incumprimento, aforo permitido de público e como realizar o control do mesmo nos espazos abertos».

Tras lembrar que «estamos en medio dun estado de alarma e que a autoridade competente actualmente é o Ministerio de Sanidade», incidiron en que «un dos nosos obxectivos prioritarios levar a cabo as mesmas sendo o máis escrupulosos posibles á hora de respectar os protocolos de seguridade regulamentariamente establecidos. Agora mesmo os protocolos, neste caso sanitarios e de vital e estrito cumprimento, precisos para levar a cabo a nosa actividade non están legalmente establecidos e, polo tanto, non podemos comprometernos a celebrar as probas sen coñecer os requisitos a cumprir».

Así mesmo, deixan claro que non están dispostos a que ninguén se contaxie polo coronavirus «por pequena que sexa a posibilidade (...) nas datas previstas».

Destacan, así mesmo, que o Concello de Poio e o de Ponte Caldelas non puxeron impedimento algunha a esta decisión. É máis, «comparten e apoian os argumentos que nos levan ó aprazamento a 2021. É dicir, non é a parte económica a que motiva o aprazamento -aínda que seguramente veríamos reducidos os nosos ingresos procedentes do tecido empresarial-, senón que neste aspecto pensamos que é un exercicio de responsabilidade moral vendo as consecuencias que a pandemia está a producir», subliñaron respecto diso.

E de cara aos pilotos e afeccionados, desde a Escuadra Buxa Motor Poio mándanlles unha sentida mensaxe: «Sentimos ter que tomar este camiño pero esperamos por riba de todo que vos atopedes ben de saúde e que no vindeiro ano poidamos REVISAR volver a desfrutar do noso deporte como vimos facendo durante todos estes anos. Botarásevos de menos».