O Burela FSF levou o derbi fronte ao Poio Pescamar

La Voz BURELA / LA VOZ

POIO

12 ene 2020 . Actualizado ás 13:35 h.

Festival de goles o que se viu este sábado no derbi galego da máxima división do fútbol sala feminino nacional, no que o Peixes Rubén Burela FS levou a vitoria na cancha do Poio Pescamar (3-5), nun partido moi disputado.

O conxunto laranxa formou de saída con Ana Romero , Peque, Cilene, Ale de Paz e Jenny Lores. Tamén xogaron, Bea Mateos, Dany, Luci, Lara Balseiro, Jenny Santos, Cristina e Jozi (segunda porteira).

Os goles foron os seguintes: 1-0, min. 6 Anna Escribano. 1-1, min. 15 Jenny Lores. 2-1, min. 15 Cárol. 2-2, min. 19 Cilene. 2-3, min. 27 Bea Mateos. 2-4, min. 31 Lara Balseiro. 3-4, min. 33 Dani Sousa. E 3-5, min. 39 Jozi.

Comezou o Poio póndose por diante no marcador, pero complicábase a vida ao cometer a cuarta falta cando restaban máis de 8 minutos para o final da primeira parte.

A igualada no partido lográbaa Jenny Lores ao segundo pau aproveitando un centro desde a á dereita de Peque, tras boa combinación con Dany. En xogada de estratexia á saída dun saque de esquina, Cárol facía o 2-1. Co Poio con cinco faltas, o Burela conseguía igualar o partido cunha gran xogada persoal de Cilene, que tras regatear ao seu par superaba por alto á meta local. Concluía a primeira parte con 2-2 no marcador.

No segundo tempo, o Burela fíxose co dominio do balón. Bea Mateos culminaba a remontada cun potente disparo desde a frontal tras recibir un envío en longo de Dany Domingos. Lara Balseiro anotaba o 2-4 e o Poio, tras un tempo morto, optaba polo xogo de cinco. E deulle resultado, cun gol de Dani Sousa. Pero a menos de dous minutos para a conclusión, Jozi, desde cancha propia e a porta baleira, lograba o 3-5 definitivo.