Aída García conquista a prata no Galego de Contrarreloxo a 1 segundo do título, e con caída

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

POIO

cedida

A vilagarciá perdeu uns preciosos 20 segundos no seu accidente a tan só uns 800 metros da meta das Pontes

22 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Desde que hai 6 anos decidía retomar a práctica do deporte como parte intrínseca da súa vida, Aída García López fixo da experimentación o compás da súa relación coa actividade física competitiva. Cos seus dous títulos mundiais de grupos de idade no dúatlon sprint e o tríatlon cros do ITU Multisport de Pontevedra aínda frescos, a deportista do C.T. Poio decidiu dedicar o pasado longa fin de semana a «probar cousas novas que non fixera nunca». Empezando polo Campionato de Galicia Contrarreloxo Individual de ciclismo . E, nin curta nin perezosa, Aída García regresou o pasado venres das Pontes coa prata ao pescozo. E porque o ceo non quixo que destronase á incombustible Chus Barros (Spol C.C.), a gran dominadora da especialidade na comunidade.

Un segundo e 463 centésimas (36.14,071 fronte a 36.15,534) foron o que separaron a ambas as rodadoras tras completar os 23 quilómetros dun trazado cun par de repechos a un 6 % de desnivel e ao redor dun quilómetro cada un. O problema, lembra García, é que fixo un día horrible, con vento, choiva e saraiba, que non se agardaba». E a uns 800 metros da meta, nunha glorieta de acceso á central térmica da localidade coruñesa, a sucidade no firme mesturouse coas precipitacións líquidas e sólidas para deixar na cuneta o que tería sido o primeiro título de C.R.I. da vilagarciá. «Xa me avisaron do perigo. Pero a pesar de entrar suave na glorieta, a bici fóiseme enteira sen aviso. Despraceime moitos metros rodando polo chan, por unha sorte de acuaplaning », recueda a ciclista, que apunta que, paradoxalmente, esa auga embalsada púidoa ter salvado de males maiores. «Acabei con pel levantada e costelas doloridas», sinala, máis uns 20 segundos perdidos no regreso á súa ruta que lle custaron o título. No entanto, e por todo iso, sumado o feito de que, desvela, «teño unha bicicleta moi limitada, de estrada, que adaptei cuns axustes prestados e baixando o manillar [...] A miña impresión», afirma Aída, «é súper satisfactoria». Polo resultado. Pero tamén porque me axuda a quitarme o medo a este tipo de situacións».

Coa prata autonómica debaixo do brazo, e a pesar da caída, Aída animouse ao día seguinte a facer a proba de Betanzos do circuíto galego de XCO, a modalidade olímpica do ciclismo de montaña. Outra experiencia nova. E atopouse con que «é súper esixente. O máis duro que probei ata agora, tanto a nivel físico como técnico». Ata o punto de que, confesa, «estiven a nada de abandonar». Non o fixo, e descubriuse terceira na meta.