Emerxencias Sanxenxo interveu no 2018 no operativo tras un tornado, 122 lumes e 15 rescates

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

POIO

emilio moldes

Os traballadores do servizo municipal actuaron en 35 veces en Poio, 29 en Meaño e 22 no Grove

22 ene 2019 . Actualizado ás 08:00 h.

O balance anual do Servizo Local de Emerxencias revela que este departamento municipal atendeu 485 incidencias ao longo do ano pasado. A esta cifra haberá que sumar as retiradas de niños de velutina, que se contabilizan nun informe á parte.

O servizos sanxenxino estreou o 2018 cun inusual fenómeno atmosférico, un tornado o 10 de xaneiro, que subiu do mar desde A Lanzada e que atravesou gran parte da parroquia de Noalla ata acabar en Meaño.

As desfeitas causadas nesa ocasión foron considerables e a xornada saldouse cunha ducia de casas danadas -unha delas completamente-, ademais de varias naves empresariais en Vilalonga e Dena.

A forza do vento arrincou de raíz parte do entarimado de madeira do paseo da Lanzada, que se estrelou contra o pavillón do colexio Telleiro e o edificio de aulas. As desfeitas foron cuantiosos e, a pesar de que O Salnés se viu azoutado por varios temporais durante o pasado inverno, non houbo nada comparable, en canto a desfeitas e impacto no municipio. En total, no 2018, os operarios tiveron que actuar en 105 incidentes relacionados coa meteoroloxía.

Este servizo tamén participou nun total de 122 lumes, que se distribúen en 51 incendios forestais, 46 urbanos e dez en vehículos, como os máis destacados. Os profesionais deste departamento acudiron en 79 accidentes de tráfico.

Os rescates ocuparon un número notable de intervencións -15- o ano pasado. Entre estas, pola súa dificultade, atópase o caso dun home que se caeu ás rocas na contorna de Paxariñas, o 11 de setembro e que finalmente foi trasladado en helicóptero, e o dispositivo por outro home que se precipitou dentro da súa furgoneta no porto de Portonovo, falecendo, en novembro.

Emerxencias Sanxenxo desprazouse en 35 casos a Poio, 29 a Meaño e 22 ao Grove.