Investigada unha muller que conducía ebria e dando bandazos en Poio

La Voz PONTEVEDRA, VILAGARCÍA / LA VOZ

POIO

En Vilagarcía interceptan a outra condutora, tamén bébeda, que ía por dirección prohibida

14 ene 2019 . Actualizado ás 08:00 h.

Non foron nin unha nin dúas as chamadas que onte recibiron o 112 e a policía a iso das tres e media da tarde. Foron moitos máis os condutores que a esa hora colleron o teléfono para alertar de que un coche facía bandazos na PO-308, a estrada que une Pontevedra e Sanxenxo pola costa. Aos axentes non lles custou demasiado dar co vehículo. A súa tola carreira había acabado en Samieira (Poio), cando a súa condutora perdeu o control e saíuse da vía. En principio, non resultou ferida.

Os axentes practicáronlle o correspondente control de alcoholemia, que guindou unha taxa inicial de 1,01. É dicir, catro veces máis do permitido. Dado que é unha cifra que xa require intervención xudicial, a muller, natural de Santiago e de 42 anos de idade, pasa a ter calidade de investigada por un delito contra a seguridade viaria. A condutora, ao parecer, viña de Sanxenxo. Tras o contratempo foi o seu marido o que acudiu a facerse cargo do vehículo.

Ás tres da mañá

Tamén en Vilagarcía rexistrouse, neste caso na madrugada do domingo, outro incidente viario. Unha muller duns 35 anos de idade será xulgada por un delito contra a seguridade do tráfico tras percorrer un bo tramo de rúa en sentido contrario. Ás tres da mañá unha patrulla da policía local detectou a presenza dun vehículo cun circular errático que estaba a percorrer cale Arcebispo Lago ao revés. Dáse a circunstancia de que esta vía é unha das que cambiou de dirección cando se produciu a gran reordenación viaria do centro da cidade.

Pero, de calquera forma, non parece que a condutora detida, natural da Illa de Arousa, poida achacar o ocorrido a pasada madrugada a un descoido. E é que, segundo explican desde a Policía Local, á muller foille practicada a proba de alcoholemia nada máis dar o alto ao seu vehículo. Segundo explican os axentes, a condutora superou con fartura a taxa de alcol permitida.

Por esa razón, aínda que non foi detida, a condutora foi identificada e foi citada para responder polo ocorrido nun xuízo rápido. Impútaselle un delito contra a seguridade do tráfico, segundo informaron fontes da Policía Local de Vilagarcía.

Afortunadamente, en ningún dos dous casos a temeridade das condutoras provocou danos a terceiros.