O servizo ORAL aumenta a recadación en tributos e logra 122 millóns para 54 municipios

carlos riande / S.B. LA VOZ / PONTEVEDRA

POIO

CEDIDA

A Deputación constata un incremento do 3 % con respecto ao ano pasado a estas alturas do ano

28 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O servizo ORAL, cuxa finalidade é informar e asistir ao contribuínte, así como xestionar, liquidar, inspeccionar e recadar os tributos e demais ingresos públicos dos concellos e doutras entidades públicas que o deleguen, recadou en tributos máis de 10 millóns de euros no 2017 para os concellos -Poio, Barro, Ponte Caldelas, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Vilaboa- da comarca de Pontevedra. O servizo ingresa nas arcas de cada municipio a recadación de tributos como o IAE, o IBI, o IVTM, ou Lixo, as sancións de circulación, licenzas de apertura, licenzas urbanísticas e a xestión recadadora voluntaria doutros impostos e ingresos.

Carlos Font, deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior, informou da recadación dos 54 concellos da provincia de Pontevedra que teñen delegada a xestión de taxas ou impostos no servizo ORAL, acadando no 2017 algo máis de 122 millóns de euros, que supoñen 2 millóns máis respecto ao 2016.

Tamén se avanzaron os datos de recadación do primeiro semestre do 2018, «aínda que non significativos porque os impostos máis importantes sempre se tramitan nos meses finais de ano», recoñece Font. Aínda así, o deputado quere destacar que o ORAL recadou máis de 40 millóns nestes primeiros meses de ano. Isto tradúcese nun incremento de 1,2 millóns de euros e dun 3 % máis que o ano pasado a estas alturas.

O deputado quixo aproveitar a súa intervención para informar dos primeiros datos do proceso de regularización catastral que se están realizando nos concellos da provincia, os cales son «una imposición del anterior ministro Montoro», segundo Font. En canto aos datos provinciais, instaláronse puntos informativos en 17 municipios, nos que levan atendidas 9.975 persoas. No caso da comarca de Pontevedra, estes puntos de información establecéronse en Poio e en Barro.