Moraña descobre o seu edificio máis antigo en Gargantáns

C. pereiro MORAÑA / LA VOZ

MORAÑA

Cedida

Trátase dunha igrexa situada no centro do municipio, e estímase que a súa construción dataría do 1175 d. C.

14 jun 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda que o médico e historiador Xosé Casal fíxoo público, foi un dos membros do colectivo A Rula quen investigou a posibilidade de que a igrexa de San Martiño de Gargantáns, en Moraña, resultase ser o edificio máis antigo do municipio. Os estudos realizados apuntan á confirmación do feito, o que acaba nun descubrimento de enorme interese histórico para a zona.

Trátase dunha igrexa moi pequena, de estilo románico, situada no centro xeográfico do concello. Nas proximidades do templo albíscase o castro de Paraños e o menhir da Lapa.

Todo xurdiu tras recaer as miradas na pedra fundacional do templo, certamente deteriorada polo paso dos anos, e ver que contiña unha inscrición case imposible de traducir ao completo. Nela, a data de construción que figura é de cronoloxía hispánica -oficial do reino visigodo de Toledo, e usada na península ata finais da Idade Media-, e sitúase no 1213. Realizando os cálculos adecuados, obteriamos o 1175 d. C., pasando a ser, inequivocamente, o edificio máis lonxevo de Moraña.

O templo é románico e sufriu diferentes e continuas modificacións co paso dos séculos. Actualmente, da súa fachada orixinal só se conserva a cabeceira. Trátase dunha igrexa de ábsida semicircular, unido a un tramo rectangular e dividido en cinco tramos curvos por dous pares de columnas.

Curiosamente, o templo garda unha estreita relación coa igrexa de Santa María de Castrelos en Vigo. Ambas iluminan o interior do presbiterio cun e tres rosetones, respectivamente, e a súa localización na ábsida non é nada habitual -normalmente figuran na fachada ou no teito do edificio-. Coinciden tamén na reiteración de moitos motivos decorativos, o que podería indicar que o mestre de Castrelos coñecía a igrexa de Gargantáns, e que mesmo puido estar a traballar na construción da mesma con anterioridade. É probable que a de Gargantáns sexa anterior, pois os arcos de Castrelos son máis apuntados, fronte aos clásicos arcos de medio punto do templo morañés.

Xosé Casal afirma que é un feito curioso o poder seguir atopando datos como este, e agradece ao colectivo A Rula a súa implicación nestes asuntos que, aínda que non teñen unha relevancia poderosa fose do municipio, si axudan a escribir as páxinas da propia historia do concello morañés. «Sempre é unha boa nova atopar cousas así. E máis que virán, seguro, no futuro», di Casal.

Ata agora, a Fonte de Santa Xusta, datada no 1501, era considerada a construción con máis anos sobre Moraña, pero polo visto, haberá que reescribir ese capitulo.