A terminación en 13 no sorteo diario do cupón da ONCE deixa 105.000 euros en Marín

Marcos Gago Otero
M. Gago MARÍN / LA VOZ

MARÍN

Santiago Coya, vendedor de la ONCE en Marín
Santiago Coya, vendedor da ONCE en Marín MARÍA ARAGÓN

Santiago Coya vendeu tres boletos que foron premiados no sorteo do martes

11 ago 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

O número 13 deixou atrás a súa mala fama e trouxo a fortuna a tres persoas que compraron en Marín un cupón da ONCE con esta terminación e que resultou premiado no sorteo que se celebrou o pasado martes. A cantidade total de premios ascendeu aos 105.000 euros. A organización explicou que o vendedor dos cupóns afortunados é Santiago Coya Alonso, que ten o seu posto na praza de abastos marinense, aínda que el sinala que os agraciados os adquiriron por máquina e na quenda do arrabalde, é dicir, que se venderon no itinerario que adoita realizar por establecementos hostaleiros e na rúa.

Santiago Coya, veciño de Hío (Cangas), leva algo máis de dous anos vendendo o cupón da ONCE. Antes de empezar a facelo en Marín en novembro do ano pasado, fíxoo en diversas localidades da comarca do Val Miñor, no sur da provincia. Este vendedor sinala que o premio concedido o martes é o máis grande dos que deu. Coya comenta que en dúas ocasións estivo a piques de dar un premio de 35.000 euros.

Os cupóns da ONCE son parte dos produtos de «lotería social, segura, responsable e solidaria» que ofrece esta organización, que conta cunha rede de 19.000 axentes vendedores en toda España.